Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

A voceira do PSOE en Chantada, Raquel López Rodríguez, informou este luns que o Grupo Parlamentario Socialista presentou na cámara galega unha proposición non de lei instando á Xunta de Galicia a autorizar a oferta das materias de Grego I e Xeoloxía no IES Lama das Quendas de Chantada e no IES Val do Asma, que actualmente non se están impartindo.

 

López Rodríguez denunciou que “os alumnos destes institutos de Chantada están sendo discriminados por parte do PP na Xunta de Galicia que non lles deixa estudar as materias que eles desexan, escudándose en que non chegan ao número mínimo de alumnos para impartir ditas clases. Isto está provocando que os rapaces teñan que recibir clases doutras materias e no peor dos casos que se trasladen a estudar a centros doutros Concellos para poder formarse nas materias que queren”.

 

A voceira socialista explicou que o centro conta con profesorado que podería impartir ambas materias, polo que non suporía en ningún caso un incremento no número de docentes. Na actualidade, os profesores están realizando gardas innecesarias en lugar de dar clases da súa especialidade.

 

“Dende o Partido Socialista levamos esta iniciativa ao Parlamento Galego porque consideramos que esta situación é moi grave e non se pode permitir. O PP non está garantindo a igualdade de oportunidades entre o alumnado da comunidade autónoma de Galicia e coma nos ten acostumados está desmantelando un servizo público tan importante para a nosa sociedade como é a Educación” criticou López Rodríguez.

Que che pareceu o artigo ?