Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, denunciou que este mércores que o centro de saúde estivo de 8:00 a 9:00 horas sen ningún médico. No centro de saúde da Pontenova hai dous médicos durante toda a semana pero hoxe un deles non puido vir porque tiña unha consulta no HULA, o substituto que enviou o Sergas non chegou pasadas as 9:00 horas e o outro médico titular non se atopaba no seu posto de traballo.

 

“Por sorte non tivemos ningunha urxencia, se non os veciños teríanse que desprazar nos seus coches particulares ou a través da ambulancia do 061 ata o PAC de Meira para ser atendidos por un profesional. Hai menos de dúas semanas estivemos 3 días cun só médico porque o Sergas tampouco cubriu unha baixa por enfermidade e agora isto. Unha vez máis, a Xunta de Galicia está xogando con nós e coa saúde de todos os pontenoveses e non o imos permitir. Non imos quedar calados ante este problema pois non somos números, somos persoas que merecemos máis respecto” criticou o Rexedor.

 

Neste eido, Campos Conde explicou que anteriormente no centro de saúde da Pontenova había 3 médicos “ata que o goberno de Feijóo na Xunta de Galicia se negou a cubrir a recente xubilación dun dos profesionais, pasando a ter 2 e hoxe ningún durante máis dunha hora”.

 

“O Sergas non está cumprindo coa súa palabra porque cando viñeron á Pontenova responsables da Xerencia de Atención Primaria prometeron a todos os veciños que solucionarían calquera tipo de problema ou incidencia que puidese xurdir. Pero non o están facendo. Enganáronnos e pouco a pouco estannos quitando o dereito a unha sanidade pública e de calidade. Queremos vivir con dignidade no noso rural pero os recortes en servizos públicos básicos e as políticas do PP no goberno galego estannos a levar a unha situación insostible. O señor Feijóo asegurou que esta sería a lexislatura do rural pero con estas situacións o único que quere é votarnos das nosas casas”.

 

O Alcalde esixiu á Xunta de Galicia que “cumpra coas súas responsabilidades legais e atenda as necesidades e demandas dos 2.300 habitantes da Pontenova”.

Que che pareceu o artigo ?