Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Militantes da Terra Chá celebraron un novo Encontro Comarcal para abordar as principais demandas dos veciños da Comarca que o Partido Popular se nega a responderpois,tras anos  e anos de incumprimentos, volve a non incluílas no Orzamento da Xunta para 2019. A Secretaria de Organización do Partido Socialista na Provincia de Lugo, Mar Iglesias, subliñou que “os veciños da Terra Chá non existimos para o PP. Non nos teñen en conta tampouco no presuposto para o vindeiro ano. Tan só lles pedimos que cumpran coas súas competencias legais e que cando menos melloren as dotacións públicas que son da súa responsabilidade e que todos os veciños necesitamos para poder vivir con dignidade no noso rural”.

 

As principais demandas veciñais que resaltaron os socialistas da Terra Chá para a elaboración de emendas ao Orzamento da Xunta para 2019 son as seguintes:

 

Guitiriz:

– Limpar o embalse de San Xoánpara rematar cos problemas de saneamento de auga. O Concello non recibe colaboración algunha do PP. Si a recibiu estando o PSOE na Xunta, pois Touriño investiu 800.000 euros para o embalse de Parga.

 

Meira:

– Rehabilitar o Centro de Saúde e PAC de Meira. O Alcalde leva anos pedindo esta actuación ao PP na Xunta, pero nada se fixo aínda que se trata dunha dotación social fundamental e que empregan 11.000 veciños da contorna xa que presta servizo á Pontenova, Riotorto, A Pastoriza, Pol, Ribeira de Piquín e Meira.

 

Muras:

– Mellorar o acceso principal dende o pobo á estrada LU-540 de Cabreiros-Viveiro. Os veciños levan anos reclamando estes traballos debido ao seu lamentable estado, pois nin se fixo mantemento algún.

– Axudas económicas de medio ambiente e medio rural. Dende hai anos, pídense para combater o lobo e o xabaril, pero nunca se recibiron.

 

A Pastoriza:

– Fondos para arranxar a estrada une A Pastoriza con Riotorto que se atopa en mal estado e rexistra moito tránsito. Os Alcaldes de ambos os dous municipios pediron conxuntamente esta actuación ao PP no Goberno galego, pero este négase. Pola contra, o PSOE no Goberno da Deputación mellorou o treito deste vial que é da súa titularidade e polo tanto competencia, respondendo ás demandas veciñais.

– Dotación dun Centro de Día. Un proxecto redactado polo PSOE na presidencia da Xunta e que fixo desaparecer o PP cando o Concello xa tiña comprados os terreos.

 

Pol:

– Acondicionar un treito de 6 quilómetros da LU-760 de Mosteiro a Río Xoán. Actuación que levan anos reclamando os veciños polo mal estado desta vía.

 

Xermade:

– Arranxar a LU-170 de Momán a Cabreiros, en Xermade. Outro proxecto histórico que levan anos e anos demandando os veciños, posto que se trata dun vial que rexistra máis de 200.000 usuarios ao tratarse do principal acceso da zona cara a Santiago ou Viveiro. Houbo incluso manifestacións veciñais a maiores de todas as iniciativas que o PSOE levou á Concello, á Deputación e ao Parlamento, esixindo o seu arranxo. O PP comprometeu publicamente a arranxala con 8,5 millóns no ano 2010, pero nada se sabe dende entón e a estrada segue igual.

 

Vilalba:

– Dotación dun novo Centro de Día.

– Dotar de ascensor á Casa da Xuventude de Vilalba, unha dotación da Xunta que non cumpre coa Lei de accesibilidade.

– Fondos para a dotación dunha EDAR do Concello de Vilalba, que se comprometeu xa no ano 2009 e non existe.

– Humanizar a Praza de Santa María a súa contorna que se atopa a pé do Camiño.

Que che pareceu o artigo ?