Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, aclarou este mércores “as descaradas mentiras” do Delegado Territorial da Xunta en Lugo ao respecto do Fondo de Cooperación Local de Galicia e destacou como “Balseiro recoñece o desprezo da Xunta coa provincia, o reparto discriminatorio de fondos públicos que se leva a cabo o Goberno galego no territorio lugués, o desleixo na atención as súas competencias legais en Lugo e a súa ignorancia sobre as leis que rexen as institucións”.

 

“Mentiras descaradas de Balseiro sobre o Fondo de Cooperación Local”

1.- En Galicia, o Fondo de Cooperación Local, que tamén existe noutras Comunidades Autónomas posto que se creou para paliar as desigualdades locais, nútrese dos fondos que lle corresponden aos Concellos pola súa participación nos tributos da autonomía. A Constitución recolle o dereito dos municipios a recibir os mesmos. Polo tanto, que os Concellos reciban este diñeiro é un dereito.

 

A participación da Xunta no Fondo de Cooperación Local é unicamente actuar de mera intermediaria. Debe transferir aos Concellos, en base a criterios obxectivos, os cartos que xa son deles. Isto non é ningún regalo do Goberno galego aos veciños da provincia.

 

Os municipios reciben este diñeiro mensualmente para financiar con total autonomía local o funcionamento dos seus servizos. O Fondo do Cooperación Local non debe ter carácter finalista. Non responde ás competencias legais da Xunta na provincia.

 

2.- O Fondo de Cooperación Local nada ten que ver co Plan Único da Deputación. Este finánciase con fondos propios da Deputación. Si ten carácter finalista. Si responde as competencias legais da Deputación coa provincia. Pois financia:

 

–  Obras e servizos. A Lei de Bases de Réxime Local e de Administración Local de Galicia recollen como competencia propia das deputacións o desenvolvemento anual dun plan de obras e servizos nos concellos da provincia.

– O Servizo a Domicilio a non dependentes. A Lei de Servizos Sociais de Galicia recolle como competencia das deputacións o financiamento desta prestación (SAF Básico) aos Concellos de menos de 20.000 habitantes despois de que a Xunta decidise deixar de financialo dun día para outro. O Goberno galego non colabora economicamente, incumprindo unha sentenza do Tribunal Supremo de 2016 que lle lembra a súa obriga no co-financiamento deste servizo.

 

– Actuacións en impulso do emprego, da economía ou de potenciais turísticos e culturais. A Lei de Bases de Réxime Local contempla como competencia das deputacións a cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social.

 

 

 

 

“Balseiro parece descoñecer e non ter lido a Constitución, a Lei de Bases de Réxime Local, a Lei de Administración Local de Galicia ou a Lei de Servizos Sociais. Balseiro non sabe do que fala e mente descaradamente. Mentres desatende as competencias da Xunta na provincia, que segue sen Hemodinámica 24 horas, sen Rolda Leste, Sen servizos nos Hospitais Comarcais, sen médicos no rural, sen mentres suficientes nos colexios…”,salientou Santos Ramos.

 

“O desprezo da Xunta coa provincia e o seu reparto discriminatorio de fondos públicos”

3.-O Fondo de Cooperación Local de Galicia conta con 350 millóns de euros. A Xunta destinou á provincia o 5,7% destes fondos, que representan 20 millóns.

 

Isto significa que dos 10.000 millóns de euros do presuposto total da Xunta(pois no mesmo tamén se inclúen os cartos do Fondo de Compensación Local), o Goberno galego do PP só destinou con criterios obxectivos aos 67 Concellos lucenses o 0,2% do seu presuposto.

 

En contraposición, dos 87 millóns de orzamento da Deputación, máis de 20 millóns destínanse ao Plan Único dos Concellos. A esta programación engádense os fondos das restantes actuacións da Deputación en impulso do emprego, deportes ou da cultura, entre outras, que se ofrecen a todos os veciños da provincia mediante plans de concorrencia competitiva, é dicir, abertos a todos os cidadáns. A maiores, inclúense as axudas a colectivos sociais para ofrecer atención a persoas con capacidades diferentes ou en situación de vulnerabilidade, así como as de asociacións, institucións públicas ou veciños en xeral que demostran necesidades sociais ou proxectos en beneficio da cidadanía e do desenvolvemento económica e social da provincia.

 

A actitude “lamentable de Balseiro”

“É lamentable que Balseiro presuma de repartir obxectivamente só o 0,2 % do orzamento da Xunta nos Concellos da provincia, que trate de apropiarse dun dereito dos Concellos e polo tanto de todos os lucenses para presumir dun falso regalo do Goberno galego á provincia; que pareza non saber que o Plan Único da Deputación debe ser finalista e o Fondo de Compensación Local de Galicia non; que critique aos que cumprimos cos veciños da provincia mentres evidencia como nin el, nin o PP nin a Xunta o fai; ou que queira facer de Presidente do PP de Lugo dende o posto de Delegado Territorial da Xunta. É o enviado de Feijóo para prexudicar aos Concellos e demais institucións nas que non goberna o Partido Popular”, subliñou o Secretario Provincial do PSOE.

Que che pareceu o artigo ?