fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Benigno Gómez, Concello Cervantes

– Benigno Gómez informou que ao longo da semana instalarán as luces no balcón do Consistorio para decorar o edificio nestas datas tan sinalada.

– Espectáculo de maxia, cabalgata de reis, chocolatada e entrega de regalos son as actividades que forman parte da programación gratuíta do Concello.

– “Estas iniciativas enmárcanse dentro da aposta do goberno socialista por dinamizar a actividade social dos veciños a través de actividades durante todo o ano, como xornadas e cursos da Reserva da Biosfera, obradoiros de artesanía, actuacións musicais ou patinaxe e baloncesto para os máis pequenos”.

Cervantes, 19 de decembro de 2018.- O Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, informou este mércores que o Concello contará por primeira vez con alumeado polas festas de Nadal. “Ao longo da semana instalaremos as luces no balcón do Consistorio para decorar o edificio nestas datas tan sinaladas”. O rexedor socialista avanzou que, como todos os anos, o goberno municipal ten programado unha programación de actividades gratuítas e para todos os públicos, sobre todo para os máis pequenos, co obxectivo de dinamizar a actividade social da vila.

Benigno Gómez explicou que xa se celebrou un mercado de Nadal con diferentes postos de artesanía e decoración no que participaron moitos veciños. O Alcalde destacou que grazas aos socialistas no Goberno da Deputación, os alumnos do CPI de Cervantes desfrutarán este venres dun espectáculo de maxia, a cargo do Mago Deimi.

“O 5 de xaneiro terá lugar a tradicional Cabalgata de Reis, que cada ano reúne a máis veciños de Cervantes e da contorna. O percorrido comezará no colexio, pasando por todo o pobo ata chegar á palloza, onde entregaremos agasallos a todos os nenos e nenas que se acheguen á celebración. Para finalizar a xornada, faremos unha chocolatada caseira e gozaremos de doces típicos do Nadal. Por iso, quero convidar aos veciños da Montaña a que se acheguen a Cervantes e sexan partícipes dun día de lecer e esparexemento, nun enclave único como o noso Concello”.

“Estas iniciativas enmárcanse dentro da aposta do goberno socialista por ofrecer aos máis de 1.300 cervantegos actividades durante todo o ano, como xornadas e cursos da Reserva da Biosfera, a celebración do día do libro, obradoiros de artesanía, actuacións musicais ou actividades deportivas para os máis pequenos, como patinaxe, baloncesto ou fútbol. Somos conscientes das dificultades que comporta ter unha poboación tan dispersa pero dende o Concello non imos a deixar de traballar para cubrir as demandas dos nosos veciños, estimulando e animando a vida social do municipio”.

Que che pareceu o artigo ?