Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

A Agrupación Socialista de Foz agradeceu ao Goberno da Deputación os investimentos achegados para o impulso e o fomento do deporte no municipio mariñán. Foron máis de 285.000 euros os que o organismo provincial destinou para a celebración de actividades deportivas, renovación e dotación de instalacións, así como para os gastos correntes de clubs e asociacións deportivas de Foz.  

 

O candidato socialista á alcaldía de Foz, Francisco Cajoto, puxo en valor a aportación económica da Deputación e subliñou que “estas colaboracións enmárcanse dentro da nosa aposta pola promoción do deporte como un hábito de vida saudable, capaz de dinamizar a economía e o turismo dos concellos da provincia.  Neste eido, dende o Partido Socialista traballamos para ofrecer aos focenses servizos públicos que cremos que son necesarios e xustos para garantir a igualdade de oportunidades vivas onde vivas e combater, deste xeito, o despoboamento demográfico”.

 

A agrupación destacou os 100.000 euros que o Goberno da Deputación achegou para a construción do novo hangar de piraguas, que permite o pleno desenvolvemento das labores de formación e promoción do piragüismo na Mariña, cubrindo a demanda de espazo existente debido ao elevado número de usuarios desta modalidade deportiva, así como outros 100.000 euros para dotar de novo céspede natural ao campo de fútbol Martínez Otero de Foz, onde realizan os adestramentos todas as categorías do Club Deportivo Foz e que empregan máis de 300 rapaces da vila, xa que tamén adestran as Escolas Deportivas e os alumnos do Colexio.

 

85.000 euros para entidades e colectivos

O PSOE de Foz destacou que os 85.000 euros restantes foron para o pulo do deporte, pois con este orzamento o Executivo Provincial colaborou con distintos colectivos. Por exemplo, co Club Deportivo Foz, Club Baloncesto Celtas de Foz, Club Kayak de Foz ou o Club Ciclista de Foz, que recibiron axudas para a súa actividade competitiva. O Goberno socialistas na Deputación tamén contribuíu á posta en marcha de actividades da Asociación Deportiva Nuestra Señora del Pilar; da escola de tenis do Club de Tenis de Foz; da escola de Vela do Club Náutico de Foz ou da Agrupación Deportiva Martínez Otero. Ademais, financiou a organización do Torneo de Fútbol Foz Costa Nova Cup, da Liga de Inverno de tenis ou do Campus de Verán de patinaxe artística, entre outras.

Que che pareceu o artigo ?