Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Os socialistas votaron en contra dos presupostos presentados polo goberno de INTA por incluír unicamente 20.000 euros para a mellora de infraestruturas nas parroquias de Monterroso, dos máis de 2,6 millóns de euros do total

– “O Concello queda supeditado ás axudas que procedan doutras administracións, como é o caso da Deputación, na que o PSOE no Goberno leva achegados 1,3 millóns, sendo os únicos investimentos reais do noso municipio”

– Rafael García critica que só se destinen 500 euros para a Asociación de Pescadores da Ulloa “cando é un colectivo con máis de 300 persoas de toda a Comarca, que realiza unha labor incalculable de limpeza e repoboación de especies do río Ulla, así como actividades dirixidas a dinamizar o turismo”

Monterroso, 18 de decembro de 2018.- Os socialistas de Monterroso critican o desprezo do Alcalde aos veciños do rural nos orzamentos municipais para o 2019. O PSOE votou en contra dos presupostos presentados polo goberno de INTA “por incluír unicamente 20.000 euros para a mellora de infraestruturas nas parroquias de Monterroso, dos máis de 2,6 millóns de euros do total do orzamento, o que supón un 1%, unha auténtica vergonza. O señor Rico está abandonando a todos os veciños e veciñas de Monterroso que viven no rural e iso non o imos a apoiar nunca” denunciou o Secretario dos socialistas no Concello, Rafael García.

“Hai unha redución drástica nos investimentos para dotacións e servizos municipais en relación co orzamento deste ano, o que denota a falta de compromiso e de iniciativas encamiñadas en mellorar a calidade de vida dos nosos cidadáns por parte do goberno actual. Unha vez máis, o Concello de Monterroso queda supeditado ás axudas que procedan doutras administracións para cubrir as necesidades dos monterrosinos, como é o caso da Deputación, na que os socialistas no Goberno Provincial levan achegados máis de 1,3 millóns de euros durante estes 3 anos, sendo os únicos investimentos reais do noso municipio”.

“Estes presupostos, totalmente inxustos, amosan a falta de ideas e de xestión por parte do Alcalde, evidenciando que estamos ante o final dunha etapa e dun ciclo político no noso municipio”.

Máis apoio aos pescadores

Os socialistas de Monterroso critican que o goberno de INTA só destine 500 euros para a Asociación de Pescadores da Ulloa “cando é un colectivo que integra máis de 300 persoas de toda a Comarca e que levan realizando durante moito tempo unha labor incalculable de limpeza e repoboación de especies do río Ulla, así como actividades e xornadas dirixidas a todos os públicos para dinamizar o turismo da vila. É fundamental que o Concello colabore activamente co amplo tecido asociativo co que contamos en Monterroso pois son unha parte esencial do motor económico do municipio” engadiu o Secretario dos socialistas.

En relación coa limpeza do río Ulla, os socialistas presentaron varias emendas aos orzamentos do PP na Xunta de Galicia para o 2019, esixindo mellorar o saneamento e ampliar a depuradora de Monterroso para que non cheguen vertidos o río.

 

Audio: Secretario dos socialistas en Monterroso, Rafael García.

Que che pareceu o artigo ?