Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

.- A Agrupación Socialista de Taboada criticou este xoves que o Concello de Taboada non ten rexistrado no SINAC (Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo) todos os abastecementos de auga do municipio. Os socialistas explicaron que por lei o Concello ten que ter inscritas todas as captacións de auga que se utilizan para consumo humano pero “o goberno municipal só ten matriculada á da capitalidade do municipio, poñendo en risco a saúde de todos os veciños do resto de parroquias que están bebendo un auga que procede dun manancial sen saber se é apta ou non para o consumo.

 

“Esiximos ao Alcalde que garanta a calidade da auga que pagan os veciños e veciñas, pois na actualidade contan cunha prestación sen ningún tipo de garantía” subliñou a voceira do PSOE en Taboada.

 

Neste eido, os socialistas informaron que dende o 2003 é de obrigado cumprimento que o SINAC controle a calidade da auga a través de analíticas periódicas que indican se os diferentes parámetros de calidade como o PH, o cloro ou a turbidez, entre outros moitos factores, están nos niveis establecidos para inxerila. Concellos limítrofes da contorna teñen todos os abastecementos de auga rexistrados, “mentres que Taboada, unha vez máis, está á cola das prestacións públicas ás que temos dereito todas as persoas”.

 

A voceira socialista de Taboada censurou que “o Concello está cobrando aos veciños e veciñas o mesmo importe nos recibos de auga para os que viven no núcleo de Taboada que para os que viven no resto de núcleos rurais, cando non están sendo tratados igual. Dende o PSOE non imos permitir que esta situación continúe, por iso pedimos ao Rexedor que rexistre inmediatamente todas as captacións de auga de Taboada para que sexan examinadas por profesionais e quede claro se estamos bebendo auga en bo estado ou non”.

Que che pareceu o artigo ?