Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Candidatura PSOE Valadouro

– Edmundo Maseda criticou que a Xunta tarde tanto en conceder permisos para realizar calquera actuación preto das ribeiras dos ríos. Puxo de exemplo varios veciños que quixeron cortar unhas árbores e agardaron 4 meses ou unha veciña que para pintar a súa casa esperou máis de 6

– O Alcalde explicou que dende que o PP impuxo o novo canon, no 2012, o goberno galego non fixo nin un só investimento relacionado coa mellora dos abastecementos, saneamentos, depuradoras ou ríos que pasan polo municipio

– “Os veciños están moi desgustados porque pagan relixiosamente os recibos polo canon e non ven ningunha dotación ou obra da que se vexan beneficiados. Non é normal que se pague por un recibo medio de 40 euros, outros 48 polo canon da auga, e logo por cambiar un canlón do tellado a Xunta encima cóbreche máis de 100 euros en taxas. É un abuso e unha inxustiza”.

O Valadouro, 19 de decembro de 2018.- O Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, criticou este mércores que a Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, tarda moito tempo en conceder permisos a particulares e ao propio Concello para realizar calquera actuación preto das ribeiras dos ríos. Puxo de exemplo varios veciños que quixeron cortar unhas árbores e agardaron 4 meses ou unha veciña que para pintar a súa casa esperou máis de 6 meses para o visto bo de Augas de Galicia. Ademais, o Rexedor socialista denuncia que todo o que recada o goberno galego dos veciños do Valadouro co canon da auga non reverte nin un euro en novas dotacións ou melloras para o saneamento do municipio.

Edmundo Maseda explicou que dende que o PP impuxo o novo canon, no ano 2012, a Xunta de Galicia non fixo nin un só investimento relacionado coa mellorara dos abastecementos, saneamentos, depuradoras de augas residuais ou os ríos que pasan polo municipio. “Os veciños están moi desgustados porque están pagando relixiosamente os recibos polo canon da auga e non ven ningunha dotación ou obra da que se vexan beneficiados. Non estou moi de acordo en poñerlle un imposto á auga que é un ben de todos pero se resulta imprescindible recadar para manter os servizos básicos, sería xusto un reparto equitativo. O que non é normal é que os veciños paguen por un recibo medio de 40 euros, outros 48 polo canon da auga, e logo por cambiar un canlón do tellado a Xunta encima cóbreche máis de 100 euros en taxas pola autorización da obra. É un abuso e unha inxustiza”.

“Se non chega a ser polas actuacións que dende o Concello e a Deputación desenvolvemos para mellorar a calidade da auga nas nosas parroquias, Valadouro seguiría igual que hai unha década. Con estas políticas do PP baseadas exclusivamente en restricións, o señor Feijóo, que alardeaba que esta ía ser a lexislatura do rural, está obrigando ás persoas que vivimos nel, a marcharnos ás cidades porque non nos deixan nin traballar”.

Os cartos dos veciños para servizos do Concello

O Alcalde do Valadouro explicou que según o canon, todo o recadado debería financiar única e exclusivamente actuacións en materia de abastecemento, saneamento e explotación de depuradoras de augas residuais e xestión dos ríos, tendo coma un dos obxectivos primordiais fomentar o uso racional da auga e o aforro da mesma. O socialista censura que o Partido Popular non compromete en investimentos o ingresado, producindo remanentes que se empregan para outras actuacións diferentes ás estipuladas no canon. “Todo o que a Xunta recada no Concello debería gastarse en servizos para o Valadouro. É o máis xusto”.

Neste eido, os Alcaldes socialistas da provincia de Lugo esixen un Plan Estratéxico de Infraestruturas Hidráulicas deseñado en base a criterios obxectivos e coa participación dos Concellos, no que se recollan actuacións concretas a desenvolver coa totalidade do Canon recadado.

 

Que che pareceu o artigo ?