Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Os socialistas presentaron no parlamento galego emendas para a Comarca da Montaña para incluír nos orzamentos da Xunta de Galicia para o 2019. En total, son máis de 4,4 millóns de euros os que o PSOE demanda para esta zona da provincia despois de estar case 10 anos sen recibir novos investimentos por parte do goberno galego. Os socialistas denuncia que o PP volve a discriminar aos veciños de A Fonsagrada, As Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín e Triacastela, pois o único investimento que aparece para toda a Comarca son 750.000 euros, insuficientes, para a estrada LU-651 de Folgoso do Courel.

 

O Secretario de Política Municipal e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, destacou que “a nosa Comarca foi sempre a gran esquecida e marxinada cando gobernou o Partido Popular. Coas políticas de Feijóo, hoxe en día, temos unha carencia enorme de médicos de atención primaria, liñas de transporte, vías de comunicación e centros residencias, cando o 40% da nosa poboación supera os 65 anos. Por estes motivos, dende o PSOE rexistramos estas iniciativas que cremos que son de xustiza para os nosos veciños, pois levamos case unha década sendo marxinados e maltratados polo PP no goberno da Xunta de Galicia”.

 

Folgoso do Courel:

A reforma integral da LU-651 de Folgoso do Courel é xa unha débeda histórica do PP cos veciños. O goberno galego do Partido Popular incluíu no Orzamento de 2016 unha partida de 250.000 euros; outras de 250.000 no 2017 e de 250.000 no 2018. Suman un total de 750.000 euros prometidos pero nunca executados. Para 2019, o PP destinou 750.000 euros. Os socialistas esixen o inicio inmediato desta actuación e un investimento de 1 millón de euros. Ademais, incluíron o saneamento dos soutos de toda esta zona da Montaña con outros 450.000 euros.

 

A Fonsagrada:

O PSOE esixe ao PP un investimento de 500.000 euros para acondicionar a LU-740 e a LU-721 ao seu paso por este municipio pois trátanse de dúas demandas históricas. Actualmente atópanse nun estado moi deficiente, poñendo en perigo a seguridade dos usuarios destas estadas autonómicas.

 

Navia de Suarna:

Os socialistas inclúen 1 millón de euros para dotar dunha nova traída de auga e abastecemento para o municipio. Foi o PSOE no Goberno da Xunta o que deixou redactado o proxecto, pero o PP dende 2009 non fixo nada. Tamén reclaman acondicionar con 600.000 euros a LU- 722 “de Navia de Suarna a Río de Pé”. Esta vía de titularidade autonómica é unha estrada fundamental pois vertebra o Concello de Navia de Suarna, comunicándoo con Asturias e León.

 

Becerreá:

O PSOE esixe a mellora da LU-636 de Becerreá a Saa, con 250.000 euros. É unha estrada moi transitada polos veciños do Concello e que se atopa nun estado moi deficiente. As malas condicións do firme se agravan en épocas de choiva, facendo moi perigosa esta vía. É unha vella reclamación que a Xunta non atende. Os socialistas tamén reclaman outros 150.000 euros para maquinaria, utensilios e mellora das instalacións do matadoiro.

 

Baleira:

Poñer en marcha a Residencia para maiores, con 100.000 euros, e outra das demandas dos socialistas. Trátase dunha dotación fundamental pois o 39% da poboación supera os 65 anos. Leva máis de 3 anos construída e equipada pero o PP non a abre. O PSOE reivindica que todas as prazas sexan para os veciños do Concello, para os da contorna e para os da provincia, como as construídas polo Goberno Socialista na Deputación.

 

As Nogais:

O PSOE demanda abrir o centro de día do municipio, con 150.000 euros. Foron os socialistas no Concello e na Deputación os que construíron o edificio e o equiparon. O PP na Xunta non o dota de persoal, nin de transporte adaptado, nin de financiamento para o seu mantemento polo que non se pode poñer en marcha.

 

Pedrafita do Cebreiro:

Os socialistas inclúen 150.000 euros para o mantemento do centro de día do municipio. A residencia e o centro de día foron construídos e equipados polo PSOE no Executivo Provincial, en cambio, o PP no goberno da Xunta non colabora con ningunha achega económica, cando se trata dunha prestación básica neste Concello polo elevado número de maiores.

 

Ribeira de Piquín:

Para este municipio o PSOE esixe un investimento de 30.000 euros para o mantemento do centro de día. Como nos anteriores casos, foron os socialistas na Deputación os que dotaron deste servizo público aos veciños. O PP non investiu nin un só euro no edificio.

Que che pareceu o artigo ?