fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Secretario da agrupación socialista, Carlos Pereira, acompañado da voceira, Ana Rubinos.

– Ana Rubinos e Carlos Pereira visitaron a LU-636 que ten un firme deteriorado, con fochancas, cunetas sen limpar e sinalización despintada. Trátase dunha vía con moito tránsito pois é a saída máis próxima á A-6 para os veciños de Sarria

– “É un treito de 15 quilómetros con moitas curvas, que presenta un pavimento lamentable, poñendo en perigo a seguridade dos centos de usuarios que a utilizan a diario. Sempre temos saídas de vía debido ao estado da estrada, agravándose nesta época de xeadas, nevadas e fortes choivas”

– Os socialistas denuncian que este problema é un exemplo máis do abandono e marxinación do goberno de Feijóo ao que ten sometido aos veciños da Montaña

– O PSOE, ademais de levar iniciativas ao pleno da corporación que foron aprobadas para instar ao goberno galego a mellorala, presentaron unha emenda aos orzamentos do PP do 2019 para incluír unha partida económica

Becerreá, 18 de decembro de 2018.- Os socialistas de Becerreá esixen ao PP na Xunta de Galicia que arranxe xa a LU-636 que vai de Becerreá a Sarria por Vilaesteba e que leva unha década sen acometerse ningunha actuación en dita vía. A voceira do PSOE en Becerreá, Ana Rubinos, e o Secretario da agrupación, Carlos Pereira, visitaron in situ este martes esta estrada autonómica que se atopa nun estado moi deficiente, co firme moi deteriorado e numerosas fochancas, así como as cunetas sen limpar e a sinalización despintada e borrosa. Os socialistas levaron varias iniciativas ao pleno da corporación que foron aprobadas por unanimidade por todos os grupos políticos para instar ao goberno galego a mellorar a LU-636 pero non fixeron nada.

A voceira socialista subliñou que “trátase dun treito de 15 quilómetros con moitas curvas, que presenta un pavimento totalmente deteriorado, poñendo en perigo a seguridade dos centos de usuarios que a utilizan diariamente. Por desgraza, ao longo do ano sempre temos moitas saídas de vía debido ao estado da estrada, agravándose nesta época de xeadas, nevadas e fortes choivas, converténdose nunha verdadeira pista de patinaxe para os vehículos que circulan por ela”.

Ana Rubinos explicou que a LU-636 é unha vía fundamental para os veciños de Becerreá, pois conecta ao Concello da Montaña co de Sarria, ademais de ser a saída máis próxima que teñen os sarrianos para coller a autovía A-6 dirección Madrid. Neste eido, a voceira explicou que o PSOE presentou unha emenda aos orzamentos do PP na Xunta de Galicia do 2019 para incluír unha partida para o arranxo integral deste trazado, pois nos presupostos dos populares non aparece ningunha achega económica que contemple dita actuación.

“É unha vella demanda dos veciños e veciñas de Becerreá, que levamos moitos anos reclamando ao Partido Popular na Xunta de Galicia que acondicione esta estrada pero que nunca atendeu ás nosas demandas. Este problema tan grave é un exemplo máis do abandono e marxinación do goberno de Feijóo ao que nos ten sometido a todos os lucenses que vivimos na Comarca da Montaña. Parece que para o PP non existimos, cando aseguraron que esta ía ser a lexislatura do rural. Que o demostren e se comprometan arranxando unha infraestrutura vital para Becerreá e deixen de maltratarnos”.

Que che pareceu o artigo ?