Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Os socialistas de Taboada denuncian que non se cumpre coa lei de accesibilidade autonómica nos edificios de titularidade municipal. En concreto, trátanse da Casa do Concello, a Casa da Cultura e o antigo cuartel. No primeiro, o PSOE de Taboada demanda a dotación dun ascensor e nos outros dous edificios poñer en marcha os elevadores existentes, que critican que nunca funcionaron. Nestes dous espazos públicos sitúanse as aulas de informática, a biblioteca, o ximnasio, danse clases de pilates ou spinning, ademais do local para a terceira idade, empregado a diario polos maiores do Concello para actividades lúdicas e culturais. Os socialistas fixeron estas reclamacións tras as numerosas queixas veciñais demandando ditas infraestruturas.

 

A voceira do PSOE en Taboada destacou que “os nosos veciños e veciñas teñen dereito a unha accesibilidade universal e a igualdade de oportunidades, tal e como recolle a normativa vixente, pero no Concello de Taboada non se está a cumprir. Neste eido a socialista explicou que varios taboadenses con problemas de mobilidade non poden acceder a estes edificios e participar nas actividades deteriorando a súa calidade de vida”.

 

“Dende o Partido Socialista esiximos ao Alcalde do PP unha solución inmediata para que esta inxustiza desapareza de Taboada e os nosos veciños e veciñas non teñan que convivir con barreiras arquitectónicas que repercuten negativamente no seu día a día. A ver se o señor Moure toma conciencia e se preocupa de verdade polos problemas que ten a cidadanía, en vez dos seus intereses persoais, e deixa de excluír e marxinar aos veciños polas súas condicións físicas. É moi triste que non se tomen as medidas necesarias para que as persoas con discapacidade e mobilidade reducida poidan desfrutar dos mesmos espazos e servizos públicos que o resto de veciños”.

 

“As nosas demandas están sempre dirixidas ás persoas e somos especialmente sensibles as necesidades dos que están nunha situación máis vulnerable, sobre todos para os nosos maiores para os que resulta fundamental desenvolverse da forma máis independente posible e ter unha vida sociable”, engadiu a voceira do PSOE de Taboada.

Que che pareceu o artigo ?