fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e o voceiro socialista en Baralla, Jaime González del Río, denunciaron este domingo o estado no que se atopan os 4 quilómetros da estrada que conecta Baralla coa A-6. Trátase do único tramo sen acondicionar do arranxo feito polo goberno galego na LU-710 que une O Cádavo e Baralla. Os socialistas explicaron que esta vía é unha vella demanda dos veciños de Baralla que levan case unha década agardando a que se mellore o trazado desta vía. Actualmente a pista presenta numerosas fochancas, nalgunhas zonas o firme se está derrubando deixando tramos de asfalto no aire, ademais de estar as cunetas sen limpar.

Santos Ramos criticou que esta actuación “é un exemplo das promesas incumpridas polo PP na Xunta cos veciños da provincia de Lugo. Xa pasaron 10 anos dende que anunciaran que a ían acondicionar pero non fixeron nada. Dende o Partido Socialista esiximos a inmediata reparación desta estrada pois trátase dunha infraestrutura vital para o Concello de Baralla porque enlaza directamente ao núcleo central da localidade coa autoestrada”.

Pola súa parte, González del Río manifestou o malestar dos cidadáns de Baralla co goberno galego do PP que “pola súa pésima xestión están poñendo en risco a seguridade dos usuarios que teñen que circulan por un vía moi estreita, coa dificultade engadida de que en inverno a estrada vese afectada por placas de xeo debido á auga que emerxe en case todo o treito”. O voceiro socialista explicou que cando coinciden vehículos pesados como camións ou autobuses a mobilidade é moi complexa.

Os socialistas no Parlamento Galego xa levaron unha iniciativa para mellorar o firme da estrada pero o Partido Popular non fixo nada. “Demandamos á Xunta de Galicia que mellore a LU-710 porque é de vital importancia para a economía do noso Concello” engadiu o voceiro.

Cronoloxía do proxecto para arranxar a LU-710

En abril de 2007, cando gobernaba o Partido Socialista na Xunta, aparece publicado no DOG a redacción do proxecto de trazado e construción da obra de acondicionamento da LU-710 de Baralla (N-VI) ao Cádavo (LU-30). En febreiro de 2009, o bipartito deixa adxudicado o proxecto de reforma integral da vía, duns 16 quilómetros, cun investimento superior aos 11 millóns de euros, así como os terreos expropiados. Co cambio de goberno, o PP acondicionou 12 quilómetros e deixou sen arranxar os 4 quilómetros que separan o núcleo de Baralla coa parroquia de San Martiño de Neira de Rei. En xaneiro de 2010, o Conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, comprométese a arranxar os 4 quilómetros que quedaron sen acometer, garantindo as mesmas características que os 12 quilómetros restantes, é dicir, nove metros de ancho, así como variacións no trazado para corrixir algunhas curvas.

 

Dende entón, os socialistas levan presentado varias iniciativas no Parlamento Galego instando á Xunta de Galicia a que faga realidade esta actuación de máxima importancia. Todas estas demandas foron rexeitadas polo PP no goberno autonómico, escudándose en que están traballando na redacción dun novo proxecto porque o ancho que recollía o anterior é inviable, según eles.

Que che pareceu o artigo ?