fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, nunha entrevista este mércores no programa Lugo En La Onda, na que se lle expuxo como a oposición critica os orzamentos do Estado mentres o PSOE os cualifica de realistas e executables, explicou o seguinte:

“Dende o PSOE non temos ese carácter compracente cando gobernamos e belixerante cando non. O que tratamos é ser realistas e honestos cos nosos veciños, pois iso é a política”.

“Dende sempre, o PSOE defendeu unha serie de proxectos estruturais, vitais e básicos para o desenvolvemento desta provincia”.

“Tras 7 anos co PP no Goberno do Estado, a mediados do 2018 os socialistas chegamos ao Executivo Central cuns orzamentos aprobados polo PP e Cs, que criticamos no seu momento”.

“O primeiro que fixemos no partido a nivel provincial foi trasladarlle aos nosos compañeiros que gobernan en Madrid as inquietudes respecto ás infraestruturas imprescindibles para o desenvolvemento da nosa provincia”.

“Analizados un por un os proxectos, o que nos atopamos foi que só había discurso, só había promesas incumpridas e presupostos inflados polo PP que nada fixo en 7 anos”.

“O que supuxo o cambio no Executivo de España, a marcha do PP e a entrada do PSOE, puidérono constatar os veciños nestes 6 últimos meses e o seguen a facer a día de hoxe. Pasamos de 7 anos de promesas a 6 meses con feitos”.

“Feitos que os veciños poden constatar cando pasan pola N-VI e ven que se fan melloras de conservación, cando pasan pola N-642, que estaba chea de fochancas e onde puxemos en marcha obras de mellora tras duplicar a partida para as actuacións de emerxencias que se prevían. O mesmo ocorre coa N-634 de Ribadeo ata Baamonde onde se están facendo melloras agora mesmo. Tamén se constatan vendo hoxe alumeada a Ponte dos Santos en Ribadeo, que o PP mantivo a escuras durante 7 anos”.

“O que nos atopamos cando chegamos ao Goberno do Estado foi que non había licitado nin un só metro da Autovía Lugo-Ourense, salvo o treito da Barrela; non había nada licitado para a Autovía da Mariña, nin da Intermodal, nin das modificacións nas vías do tren para que o AVE chegue a Lugo”.

“Dende o PSOE non presentamos cifras fantasiosas, se non realistas, que nos permitan contar cos proxectos, licitalos e contratalos”.

Preguntado sobre as infraestruturas ferroviarias e pola Intermodal de Lugo, Santos Ramos expuxo que:

“No 2012, o PP cancelou o contrato que había para o proxecto da estación Intermodal na capital lucense. Agora mesmo estamos a traballar para asinar en moi pouco tempo o protocolo que articulará como se vai a materializar con realismo, cifras, prazos e datos concretos para que a alta velocidade chegue a Lugo”.

“Nos PXE hai recollida unha partida de 25 millóns de euros para estacións na provincia. E a ninguén se lle escapa que é un investimento para a Intermodal de Lugo”.

“Nestes orzamentos hai partidas para impulsar a Autovía a Ourense, a Autovía da Mariña, cuxo proxecto puxemos nos a información pública recentemente; o mesmo pasa coa Autovía a Santiago, así como coas variantes do tren que permitirán reducir en 87 minutos o traxecto Lugo-Madrid”.

“Creo que todos lembramos como hai uns meses, o entón Ministro de Fomento, Íñigo De la Serna, anunciaba unhas obras de mellora do trazado da rede ferroviaria, sepultando a expectativa de que chegue a alta velocidade a Lugo.  2 minutos despois no mesmo lugar, o Presidente da Xunta, Núñez Feijóo, dáballe as grazas porque fora a chegar o AVE a Lugo”.

“Os socialistas queremos acabar con ese dobre discurso, mentireiro, falso e de desprezo á capacidade de desenvolverse dunha provincia e dos seus cidadás como é a de Lugo”.

“O que hai que dicirlle alto e claro aos veciños é que non vale de nada poñer 200 millóns de investimento nun proxecto que non está feito que non se pode contratar e polo tanto que non se pode executar. Isto queda moi ben no papel, queda moi ben nos titulares, pero pasará outro ano máis e non veremos nada. Isto foi o que fixo o Partido Popular nos últimos 7 anos”.

“Outro exemplo: o PP entre os anos 2017 e 2018 tiña presupostado 20 millóns para a conservación de estradas estatais na provincia de Lugo e non executaron nada. Iso só serve para enganar aos cidadáns cun discurso político que non se corresponde con feitos”.

“Dende o PSOE ofrecemos cifras realistas para executalas. Se o Orzamento do Estado para Lugo mellora, aplaudirémolo. Para iso estamos traballando, para que se incorporen novos investimentos a través de diferentes iniciativas. Pero se executamos unha porcentaxe alta dos 71 millóns en investimentos reais, a marxe dos investimentos sociais que se inclúen e se dirixen aos 120.000 pensionistas lucenses, aos 8.000 parados maiores de 52 anos, aos 12.000 dependentes da provincia; os 300.000 veremos como a provincia mellora e evoluciona”.

 

Que che pareceu o artigo ?