Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

“Grazas veciños. Orgullosos de ser de Lugo. Reivindiquemos o dereito de coñecer as consecuencias por non ter este servizo en defensa dos veciños afectados e dos que nos puidemos ver na mesma situación: os 330.000 lucenses”

–  “Hoxe debería estar aquí Feijóo pedindo perdón e avergonzado polo sufrimento e agravio ao que o PP someteu a todos os lucenses”  

Lugo, 24 de xaneiro de 2018.- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos, xunto ao Secretario de Sanidade do PSOE e voceiro municipal socialista, Miguel Fernández, valoraron este xoves o anuncio da Xunta de Galicia sobre a posta en marcha de Hemodinámica  24 horas no HULA. Santos Ramos destacou que “Lugo gana ao PP. Pero isto non pode acabar aquí. Non imos permitir o silencio sobre as dramáticas consecuencias humanas por retrasar esta decisión política durante 10 anos”. Os socialistas seguirán a reclamar ao Goberno galego do PP a información que oculta sobre os lucenses que morreron por non contar con esta prestación na súa provincia e os danos ocasionados. Os últimos datos oficiais facilitados corroboran que Lugo lidera a taxa de mortalidade por infarto de miocardio aos 30 días en Galicia, duplicándoo con respecto á Coruña e Pontevedra: 4,6 fronte ao 2,9.

“Lugo gana ao PP. Grazas veciños. Orgullosos de ser de Lugo”

Santos Ramos lembrou que o PSOE no goberno bipartito da Xunta de Galicia modificou o proxecto inicial do HULA para introducir prestacións como Hemodinámica 24 horas, Radioterapia ou Medicina Nuclear  que o PP xa non contemplaba para Lugo. No ano 2009, os socialistas deixaron o hospital listo e 38 millóns de euros para o seu equipamento. Coa chegada do PP ao executivo autonómico, os populares recortaron estes fondos, quitaron estes servizos e demoraron a apertura do HULA 2 anos. Foi o 26 de febreiro de 2011 cando Feijóo decidiu inauguralo e dixo textualmente: os pacientes con doenzas do corazón ou de cancro que antes tiñan que desprazarse a Santiago ou á Coruña poderán ser atendidos no seu hospital público de Lugo ao longo deste ano. Mentiu.

Por este motivo, a comezos do 2013, dous anos despois do falso compromiso do PP de Feijóo, o Partido Socialista promoveu unha campaña de mobilización cidadá para reclamar xunto aos veciños estas necesarias prestacións no HULA ao tempo que intensificou o seu traballo nas institucións, chegando a presentar máis de 80 iniciativas tan só no Parlamento galego.

Os socialistas comezaron a deseñar as primeiras pancartas reivindicativas, que saíron á rúa en febreiro dese mesmo ano, nunha concentración diante do hospital con maletas, simbolizando a viaxe dos lucenses para recibir estes servizos. Simultaneamente, mantiveron unha reunión na sede provincial con representantes das asociacións veciñais para reforzar a campaña de mobilización cidadá e presentar unha Iniciativa Lexislativa Popular. Dende o primeiro momento, houbo unha gran implicación veciñal, que resultou imprescindible, pois derivou nas manifestacións máis multitudinarias da provincia e na ILP co maior respaldo na historia da Cámara galega, recollendo máis de 4.000 sinaturas.

A presión política e cidadá supuxo que o Partido Popular se vise na obriga de dar pequenos pasos, coincidindo no tempo coa proximidade dunhas eleccións: tras as manifestacións máis concorridas nunca vistas en Lugo e coas eleccións municipais de 2015 á volta, o PP anunciou a posta en marcha de Hemodinámica ata as 15:00 horas, é dicir, en horario de oficina, en abril de 2014. Meses máis tarde, xa en vésperas de ditos comicios municipais, o Partido Popular de Feijóo anunciou a posta en marcha de Radioterapia. Con todo, este servizo non comezou a funcionar ata marzo de 2016. Fíxoo grazas á beneficencia, pois foi unha doazón da Fundación Amancio Ortega. Medicina Nuclear non chegou ata agosto de 2016, un mes antes das eleccións autonómicas.

Durante todo este tempo, o Partido Socialista solicitou á Xunta de Galicia os datos do Regaliam, un rexistro que creou no 2015 e ao que o PP sempre se amparou para negar a necesidade de Hemodinámica as 24 horas en Lugo. Nunca facilitou esta información.

Ante esta situación, a comezos do 2018, o Partido Socialista volveu a pedir esta documentación no Parlamento e deu un ultimátum ao PP, advertíndoo que no prazo legal dun mes (tempo que hai para contestar) acudiría ao TSXG se non facilitaba estes datos ao estar infrinxindo dereitos dos representantes na Cámara galega.

Este ultimátum supuxo que semanas máis tarde o PP ofrecese os primeiros datos parciais do Regaliam, impedindo que os socialistas tivesen éxito no caso de acudir  aos tribunais, e que anunciase a posta en marcha de Hemodinámica ata as 10 da noite.

“Isto non acaba aquí”

Os datos parciais do Regaliam corroboran que entre xullo de 2015 e setembro de 2017 (non se ofrecen datos de 2018 nin máis actuais) Lugo liderou en Galicia a taxa de mortalidade por infarto de miocardio aos 30 días cun 4,6 fronte ao 2,9 da Coruña e Pontevedra. Tamén constatan que o 75% dos lucenses tiveron que ser trasladados á Coruña e que os lucenses tardaron máis que calquera outra galego en ser atendido, pois o tempo medio de espera foi entre 191 minutos e 136 fronte aos 87 minutos da Coruña. Os socialistas xa avanzaron en aquel momento que seguirían a reclamar a información completa para coñecer as verdadeiras consecuencias humanas das familias lucenses por non contar cunha prestación 24 horas por unha decisión política, defendendo aos veciños da provincia. Ademais, sinalaban estar convencidos de que a presión política e veciñal ía desembocar na dotación de Hemodinámica 24 horas, pero que non acontecería moito antes dunhas eleccións, como sucedeu con todos os avances.

Santos Ramos valorou que os feitos demostran que “Lugo gana ao PP. A presión política e principalmente a masiva e imprescindible implicación veciñal obrigou ao Partido Popular a implantar Hemodinámica 24 horas no HULA. Grazas a todos os veciños. Hoxe máis que nunca sentímonos orgullosos de ser de Lugo. Pero a batalla non pode rematar aquí. Non podemos permitir que queden no silencio as consecuencias humanas provocadas por non ter este servizo en 10 anos por unha decisión política”.

“Temos que seguir reivindicando o noso dereito a coñecer esta información en defensa dos veciños que directamente se viron afectados e dos que nos puidemos ver na mesma situación: os 330.000 lucenses. Dende o Partido Socialista seguiremos a traballar na consecución desta información por xustiza, pois os danos desgraciadamente xa son irreparables. Hoxe o Conselleiro debería pedir perdón. E máis, hoxe o que debería estar aquí é Feijóo avergonzado polo sufrimento e agravio ao que seu partido, o PP, someteu a todos os lucenses”.

Que che pareceu o artigo ?