Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– A Executiva Municipal elixiuno por unanimidade “pola súa constante implicación coa Pobra de Brollón, poñendo en valor as súas orixes e pola súa acérrima defensa das políticas sociais, a igualdade e o galeguismo”

– Este veciño natural de Castroncelos leva militando no PSOE máis de 30 anos e iniciou a súa traxectoria política en Monforte de Lemos, onde foi Concelleiro

A Pobra do Brollón, 28 de xaneiro de 2018.- A Agrupación Municipal Socialista da Pobra do Brollón nomeou a José Manuel Franco Pardo, Presidente de Honra. Este veciño natural da parroquia de Castroncelos e Profesor Honorario da Facultade de Dereito da Universidade Autónoma de Madrid é o actual Secretario Xeral do PSOE en Madrid. José Manuel Franco. Leva militando no Partido Socialista máis de 30 anos e iniciou a súa traxectoria política en Monforte de Lemos, onde foi Concelleiro polo PSOE.

A Executiva Municipal elixiuno por unanimidade “pola súa constante implicación coa Pobra de Brollón, poñendo en valor as súas orixes e pola súa acérrima defensa das políticas sociais, a igualdade e o galeguismo”. Así o destacaron o Secretario Xeral do PSOE da Pobra do Brollón, Alfonso Alaya, e o Voceiro do Concello, Javier González.

Franco Pardo agradeceu aos compañeiros da Pobra de Brollón este nomeamento e subliñou que “é un auténtico orgullo poder ser o Presidente desta agrupación, pois teño verdadeiros amigos aquí. Este recoñecemento é moi especial para min pois a miña familia é de aquí e parte do meu corazón está neste Concello. Aínda que vivo en Madrid, sempre que podo veño á Pobra do Brollón, pois gústame a tranquilidade e a beleza da contorna, en especial, dos seus montes. Pero sobre todo, teño a ledicia de palpar o cariño me teñen os veciños e veciñas deste municipio lucense, que é totalmente recíproco pola miña parte”.

Que che pareceu o artigo ?