fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Alcalde de Láncara anunciou este mércores que o Executivo Socialista levará ao pleno deste mes de xaneiro unha iniciativa para dotar ao municipio desta infraestrutura que se prevé que poida custar 1,2 millóns e que estará situada na parroquia de Toirán, na zona de Monte da Serra

– Esta prestación beneficiaría aos veciños que viven nas parroquias de Toirán, Trasliste, Vilaleo, Vilarello, Negueira de Cabaleiros, San Xoán de Muro e Bande

– Esta infraestrutura engádese aos traballos que está realizando o Concello en Piñeiroa e en Vilaesteva para mellorar as traídas de auga, cun investimento municipal de 59.000 euros

 

Láncara, 9 de xaneiro de 2019.- O Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, anunciou este mércores que o goberno socialista levará ao pleno deste mes de xaneiro unha iniciativa para dotar ao municipio dunha nova estación de bombeo de auga potable a máis do 70% da poboación. Trátase dun dos proxectos estrela do Goberno Socialista para o vindeiro ano e no que están estudando e valorando diferentes opcións para facer máis económica e eficiente dita infraestrutura, que se prevé que poida custar 1,2 millóns de euros e que estará situada na parroquia de Toirán, na zona de Monte da Serra.

Darío Piñeiro avanzou que esta nova prestación beneficiaría aos máis de 1.800 lancareses que viven nas parroquias de Toirán, Trasliste, Vilaleo, Vilarello, Neira de Cabaleiros, San Xoán de Muro e Bande e que na actualidade non contan con ningún tipo de abastecemento municipal. O Rexedor destacou que “é fundamental a colaboración doutras administracións para poder sacar adiante este servizo, que dende o Executivo consideramos básico, dentro da nosa aposta por ofrecer aos nosos veciños dotacións e infraestruturas de calidade e tan fundamentais como poder ser o subministro de auga potable”.

“Nas vindeiras semanas presentaremos este proxecto hidráulico, que se desenvolverá en diferentes fases, a Augas de Galicia e pedirémoslle que colaboren, pois nós, un Concello pequeno, non temos o suficiente orzamento para asumir este cuantioso investimento. Agardamos, polo tanto, que a resposta da Xunta de Galicia sexa positiva e poidamos empezar a traballar neste proxecto tan demandado polos veciños e veciñas de Láncara. Investindo no rural é como se demostra que de verdade esta é a lexislatura do rural, como afirma o señor Feijóo”, engadiu o Alcalde socialista.

“Dende o equipo de goberno levamos moito tempo traballando neste moderno plan hidráulico para que os nosos cidadáns, sobre todo no rural, conten no seu día a día cunha auga de calidade. Este proxecto enmárcase na folla de ruta socialista por ofrecer e propoñer políticas que o único que buscan e mellorar a calidade de vida dos lancareses”.

 

Máis melloras en traídas de auga

O Alcalde socialista informou que este proxecto engádese aos traballos que está realizando o Concello en diferentes parroquias para mellorar as traídas de auga. En concreto, son 59.000 euros con fondos propios os que achega o Executivo municipal para actuar en Piñeiroa e en Vilaesteva, beneficiando directamente ao conxunto de veciños que viven nestas zonas rurais.

Que che pareceu o artigo ?