fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

 Os socialistas denuncian que os nenos sofren retrasos de 2 meses para vacinarse das enfermidades do calendario obrigatorio porque o Sergas só ofrece, no Centro de San Cosme, unha pediatra 3 días á semana, 3 horas

– A profesional non pode asumir todo o traballo pois ademais de Barreiros, atende aos cativos dos centros de saúde de Mondoñedo e Lourenzá. No horario no que non está no centro, os nenos ou reciben atención dun médico de familia ou os pais teñen que viaxar ata o Hospital de Burela onde hai un de garda

– “Esiximos o reforzo desta prestación e ter cando menos un pediatra continuo durante toda a semana, pois levamos tempo sen recibir a atención sanitaria pública á que temos dereito” criticou Carmen Veiga

Barreiros, 8 de xaneiro de 2019.– Os socialistas de Barreiros esixen ao Sergas que “atenda dunha vez por todas ás peticións das familias do noso Concello e reforce o servizo de pediatría para adaptalo ás necesidades veciñais actuais”. Así o apuntou a voceira municipal do PSOE, Carmen Veiga, que denunciou que os nenos e nenas de Barreiros sofren retrasos de 2 meses para vacinarse das enfermidades establecidas no calendario obrigatorio porque o SERGAS só ofrece, no Centro de Saúde de San Cosme, unha pediatra 3 días á semana durante 3 horas con cita previa.

A profesional non é capaz de asumir todo o volume de traballo pois ademais de Barreiros, atende aos cativos dos centros de saúde de Mondoñedo e Lourenzá. Isto está provocando graves problemas, por exemplo, a unha nai atrasáronlle a cita dende xaneiro ao mes de marzo, polo que a nena estará 2 meses sen estar vacinada, poñendo en risco a saúde da menor, porque o enfermeiro do centro de saúde, segundo os protocolos, non pode vacinala sen antes vela a pediatra.

Carmen Veiga explicou que “hoxe este servizo é totalmente insuficiente e a profesional co que contamos está desbordada. Por exemplo, no horario no que non está no centro, os nenos ou reciben atención dun médico de familia, que evidentemente non ten a formación específica en pediatría; ou os pais e nais teñen que viaxar ata o Hospital da Costa de Burela onde hai un pediatra de garda porque cando acoden ao centro de saúde de Barreiros non hai ningún especialista que poida atender os nenos”.

“Esiximos o reforzo desta prestación e ter cando menos un pediatra continuo durante toda a semana, pois levamos tempo sen recibir a atención sanitaria pública á que temos dereito. Non imos permitir que a Xunta de Galicia sega xogando coa saúde dos nosos pequenos”, engadiu a voceira socialista.

Que che pareceu o artigo ?