fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

Folgoso do Courel. Problema nas estradas

Os socialistas critican que o Concello non limpou, nin botou sal en varias zonas do Concello durante toda a fin de semana provocando que os veciños non puideran saír das súas casas para ir ao médico, a compra ou ó banco.

“Isto responde á falta de previsión da Alcaldesa que ten a súa disposición, gratuitamente, o servizo de vías e obras da Deputación do que pode reclamar a súa axuda para que as vías estean acondicionadas e que decidiu non solicitar”

“Este é un exemplo máis do desgoberno desta rexedora que está máis preocupada nos seus intereses persoais que nas necesidades dos cidadáns” criticou Carmen Álvarez

 

Folgoso do Courel, 7 de xaneiro de 2019.-

O PSOE de Folgoso do Courel denuncia que o Concello non limpou, nin botou sal en varios camiños e estradas municipais de varias parroquias de Folgoso do Courel durante toda a fin de semana. “A Alcaldesa volve a amosar a súa total despreocupación, deixando sen acondicionar varias zonas do municipio, por exemplo en Ferreirós de Abaixo, provocando que os veciños non poidan saír das súas casas ao estar o camiño xeado, sendo moi perigoso para os cidadáns máis maiores” criticou a voceira socialista, Carmen Álvarez.

“Dende a Agrupación Socialista de Folgoso do Courel solicitamos e esiximos ao Concello que solucione este problema de inmediato pois está a prexudicar a ducias de veciños que non poden nin tan sequera facer a compra”.

“Durante estas épocas invernais, de xeadas e baixas temperaturas, nas estradas e os camiños do Concello acumúlanse grandes cantidades de neve e xeo polo que é fundamental votarlle sal a estas vías para que os veciños poidan circular por elas sen ningún tipo de problema. Recibimos varias queixas veciñais de persoas que durante estes días non puideron realizar xestións como ir ao médico ou ao banco debido ao estado destas infraestruturas municipais”.

Non solicitou a axuda da Deputación

“Estes problemas responden á falta de previsión por parte da Alcaldesa, pois ten a súa disposición o servizo de vías e obras da Deputación do que pode reclamar a súa axuda en calquera momento para que os recursos humanos como materiais do organismo provincial actúen nestas vías e queden acondicionadas para o seu tránsito. Pero nin iso é capaz de realizar a rexedora, marxinando a veciños de diferentes zonas do Concello como, por desgraza, ven sendo habitual”.

A socialista explicou que a Deputación de Lugo, a diferenza doutras administracións públicas do país, ofrece esta asistencia, de xeito totalmente gratuíto, a todos os Concellos da provincia que o soliciten. “Como vén ocorrendo nos últimos anos, a Deputación suministra aos Concellos sal, de balde, para a súa aplicación nas estradas municipais pero polo visto a nosa Alcaldesa non está pola labor de ofrecerlle aos seus veciños as estradas que merecen. Este é un exemplo máis do desgoberno desta Alcaldesa que está máis preocupada nos seus intereses persoais que nas necesidades dos cidadáns”.

Que che pareceu o artigo ?