Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– O Alcalde de Xermade desmentiu este martes as acusacións do voceiro do PP sobre a falta de seguridade na estrada LU-P-2205 de Miraz a Porto Souto. O rexedor informou que o servizo de vías e obras da Deputación actuou ás 18:00 horas a pasada tarde e ás 7:00 horas esta mesma mañá botando sal para eliminar as acumulacións de neve e xeo desta vía

– Roberto García avanzou que os operarios do organismo provincial acondicionaron entre outras, as estradas provinciais LU-2201 e LU-2202, que transcorren polo Concello, así como estradas e camiños municipais

– “Isto responde a incapacidade que ten o Partido Popular de ofrecer e desenvolver iniciativas que redunden na calidade de vida dos veciños, amparándose en falsidades e invencións” criticou o socialista

Xermade, 8 de xaneiro de 2019.- O Alcalde de Xermade, Roberto García, desmentiu este martes as acusacións do voceiro do PP, Antonio Riveira, sobre a falta de seguridade na estrada LU-P-2205 de Miraz a Porto Souto. O rexedor socialista informou que o servizo de vías e obras da Deputación actuou ás 18:00 horas a pasada tarde e ás 7:00 horas esta mesma mañá, botando sal para eliminar as acumulacións de neve e xeo desta vía, na que non houbo ningún tipo de incidente, quedando apta para o tránsito de vehículos durante toda a xornada.

Roberto García avanzou que os operarios do organismo provincial acondicionaron entre outras, as estradas provinciais LU-2201 e LU-2202, que transcorren polo Concello xermadés, así como diferentes estradas e camiños municipais.

O socialista agradeceu a rapidez e eficacia dos traballadores da Deputación para que todas estas vías estivesen dispoñibles para os veciños, cumprindo con todas as medidas de seguridade para o seu tránsito. “Non entendo como o señor Riveira minte tan descaradamente aos cidadáns cando é consciente de que as estradas en Xermade están en perfectas condicións. É lamentable este tipo de actitudes que só responden ao xeito que ten o PP de facer política, intentando enganar aos veciños e creando un estado de alarma inexistente. Isto responde a incapacidade que ten o Partido Popular de ofrecer e desenvolver iniciativas que redunden na calidade de vida dos veciños, amparándose en falsidades e invencións”.

“Nós, dende o Goberno Socialista Municipal imos seguir traballando para que os xermadenses conten coas infraestruturas que merecen, atendendo as súas demandas, sobre todo nestas épocas do ano no que as estradas sofren moito ante as baixas temperaturas” engadiu o Alcalde.

 

Que che pareceu o artigo ?