fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Rexedor mantivo unha reunión coa Directora Xeral de Augas de Galicia na que lle expuxo esta iniciativa para dotar a Láncara dunha potabilizadora

– “Levamos este proxecto ao Pleno e foi aprobado por todos os grupos políticos. Co apoio da corporación, trasladámoslle á Xunta a necesidade desta prestación e a resposta foi que a van a estudar. Agardamos que cumpran cos lancareses e financie esta infraestrutura que beneficiará a máis de 1.800 veciños”

– Trátase dun proxecto de 1 millón, que abastecerá de auga potable a Toirán, Trasliste, Vilaleo, Vilarello, Neira de Cabaleiros, San Xoán de Muro e Bande

– O Alcalde socialista acadou o compromiso de Augas de Galicia para mellorar as traídas de auga das parroquias de Piñeiroa e Vilasteve

Láncara, 8 de febreiro de 2019.- O Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro López, presentou á Xunta de Galicia o proxecto da nova estación de auga potable para o que acadou a unanimidade da corporación municipal. Fíxoo nunha reunión de traballo en Santiago de Compostela coa Directora Xeral de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez López, na que lle expuxo esta iniciativa do goberno municipal para dotar a Láncara dunha estación de bombeo de auga potable do río Neira, que beneficiará a máis do 70% da poboación.

O Alcalde levou este proxecto ao Pleno do Concello, onde foi aprobado por todos os grupos políticos da corporación municipal. “Trasladámoslle á Xunta a necesidade de dotar desta prestación pública aos veciños de Láncara. A súa resposta foi que van a estudar detalladamente a proposta e valorar a posibilidade de colaborar. Dende o Concello agardamos que o goberno galego cumpra cos lancareses e financie esta infraestrutura que beneficiará a máis de 1.800 veciños”.

“Dende o equipo de goberno levamos moito tempo traballando neste moderno plan hidráulico para que os nosos cidadáns, sobre todo no rural, conten no seu día a día cunha auga de calidade. Este proxecto enmárcase na folla de ruta socialista por ofrecer e propoñer políticas que o único que buscan e mellorar a calidade de vida dos veciños. Sen dúbida, esta infraestrutura é fundamental para o desenvolvemento e crecemento de Láncara, por iso confiamos en que a Xunta apoie esta proposta”.

Darío Piñeiro explicou que trátase dun proxecto hidráulico de 1 millón de euros co que se dotará dunha potabilizadora ás parroquias de Toirán, Trasliste, Vilaleo, Vilarello, Neira de Cabaleiros, San Xoán de Muro e Bande, pois na actualidade non contan con abastecemento municipal.

Melloras en Piñeiroa e Vilasteve

O Alcalde socialista acadou o compromiso de Augas de Galicia para mellorar as traídas de auga das parroquias de Piñeiroa e Vilasteve. Son actuacións por valor de 60.000 euros.

Que che pareceu o artigo ?