fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Ministerio de Fomento aprobou o expediente de exposición pública e trazado da construción de 6 pasos inferiores, afectando un deles ao punto quilométrico 35,800 da N-547, ao seu paso polo Concello lucense

– Horacio Rouco subliñou que “hai 4 meses trasladamos aos responsables de Fomento a necesidade real e a importancia da actuación nesta vía. Unha vez máis, o PSOE cumpre cos veciños impulsando unhas obras fundamentais para a seguridade dos peregrinos que realizan esta etapa do Camiño de Santiago”

– Trátase dunha zona moi perigosa pois conta con pouca visibilidade, poñendo en risco a integridade dos peregrinos e dos veciños do Carballal da Repostería. Ao ser un treito moi transitado teñen acontecido accidentes graves

Palas de Rei, 15 de febreiro de 2019.- Os socialistas no Goberno Central atenden as demandas dos veciños de Palas de Rei poñendo en marcha o proxecto de dotación dun paso inferior na N-547 dirección Santiago de Compostela. O voceiro municipal do PSOE en Palas de Rei, Horacio Rouco, agradeceu ao Executivo do Estado “a súa sensibilidade cos palenses por atender unha necesidade que levábamos reclamando durante moito tempo e que por fin será realidade”.

O socialista fixo esta valoración tras aprobar o Ministerio de Fomento o expediente de exposición pública e trazado da construción de 6 pasos inferiores, afectando un deles ao punto quilométrico 35,800 da estrada N-547, ao seu paso polo Concello lucense.

Horacio Rouco subliñou que “hai 4 meses, o Secretario Provincial, Álvaro Santos, o Coordinador na Comarca do Suroeste lugués, Rafael García, e eu, trasladamos aos responsables de Fomento a necesidade real e a importancia de construír un paso inferior nesta vía. Unha vez máis, o Partido Socialista cumpre cos veciños de Palas de Rei realizando unha actuación fundamental para a seguridade dos peregrinos do Camiño de Santiago”.

“Durante os 7 anos que estivo o PP no goberno do Estado non escoitou nunca as demandas dos veciños. Con estes traballos contaremos cunha etapa máis segura, que forma parte do Camiño Francés, de cara ao próximo Xacobeo 2021. Unha vez máis, os socialistas cumpren cos veciños de Palas de Rei”.

O voceiro explicou que trátase dunha zona moi perigosa pois conta con pouca visibilidade, poñendo en risco a integridade dos peregrinos e dos condutores, así como a dos propios veciños da parroquia do Carballal da Repostería. O socialista subliñou que ao ser un treito moi transitado, nos últimos anos teñen acontecido varios accidentes graves.

 

Que che pareceu o artigo ?