fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– Os socialistas denuncian o abandono e a falta de mantemento dos parques de Muimenta e Feira do Monte, con táboas rotas, randeeiras oxidadas, madeira podrecida, o chan embarrado e o pavimento de caucho levantado

– Rosa Morán informou que o PSOE presentará unha proposta no Pleno para instar ao rexedor a que solucione este problema, así como para que o Concello presente unha solicitude para optar ás subvencións da Xunta e recupere os parques infantís, recollidas no plan de infraestruturas de uso público

O PSOE presentou hai un ano unha queixa no Concello para que o PP tomara as medidas oportunas e revertera esta situación. “Seguimos igual ou peor, dando unha imaxe pésima de Cospeito, demostrando a desidia do Alcalde”

Cospeito, 13 de febreiro de 2019.- O PSOE de Cospeito esixe ao Alcalde que arranxe xa os parques infantís do municipio. A voceira socialista, Rosa Morán, denunciou o total abandono, a falta de mantemento e o deterioro no que se atopan os parques infantís de Muimenta e Feira do Monte, con táboas rotas, randeeiras oxidadas, madeira podrecida, o chan embarrado e o pavimento de caucho levantado. “Os nenos cospeitenses non poden empregar estas zonas públicas de xogo ante a sucidade e o perigo de poder mancarse ao estar o mobiliario urbano tan deteriorado”.

Rosa Morán informou que o PSOE presentará unha proposta no vindeiro Pleno da corporación para instar ao rexedor popular a que tome inmediatamente as medidas necesarias para solucionar este problema, así como para que o Concello presente unha solicitude para optar ás subvencións da Xunta de Galicia e recupere os parques infantís, recollidas no plan de infraestruturas de uso público.

O grupo municipal socialista de Cospeito presentou hai un ano unha queixa formal no Concello para que o goberno do PP tomara as medidas oportunas e revertera esta situación pois o parque infantil se atopaba nun estado total de abandono, incumprindo coas normas de seguridade e as condicións hixiénico sanitarias establecidas pola lei.

“12 meses despois seguimos igual ou peor, dando unha imaxe pésima do noso Concello que non se corresponde coa realidade dos nosos veciños porque o señor Castosa e o seu equipo de goberno non fixeron absolutamente nada. Isto é un exemplo máis da falta de compromiso e a desidia do Alcalde e do PP”.

“Queda demostrada a súa incompetencia e ineptitude ao non ser capaz de sacar adiante actuacións tan sinxelas como estas, prexudicando aos nenos e nenas que só queren un espazo de lecer no municipio” subliñou Rosa Morán.

Que che pareceu o artigo ?