Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– Trátanse de actuacións executadas polo goberno municipal e rematadas a finais de ano, quedando nun estado moi deficiente. A voceira socialista solicitou á Alcaldesa toda a documentación para poder contrastar cando menos as obras que recollen os proxectos coas feitas polo goberno municipal do PP

– Son traballos realizados na estrada de Folgoso a Seceda, no camiño de Ferreiros de Abaixo a Ferreiros de Arriba e nos accesos a Noceda e a Mazo

– “O firme está levantado, hai fochancas, escombros en fincas particulares e as tubaxes do desaugadoiro están ao descuberto. Todo isto pon en perigo a seguridade dos usuarios destas vías e da unha imaxe de abandono do Concello”

Folgoso do Courel, 7 de febreiro de 2019.- O PSOE de Folgoso do Courel denunciou este xoves o mal estado de obras en vías que executou o Concello con fondos que lle transferiu o Goberno da Deputación para melloras en servizos públicos aos veciños.

A voceira socialista, Carmen Álvarez, explicou que solicitou á Alcaldesa do PP ter acceso a toda a documentación oficial sobre estas actuacións para poder contrastar cando menos as obras que recollen os proxectos coas feitas polo goberno municipal do PP.

A socialista explicou que son obras realizadas na estrada de Folgoso a Seceda, no camiño de Ferreiros de Abaixo a Ferreiros de Arriba e nos accesos a Noceda e á aldea do Mazo.

“Hai dous meses que rematou o Concello as obras e a grava do firme xa está levantada e as fochancas volven a aparecer, hai escombros en fincas de particulares e as tubaxes do desaugadoiro que van o río están ao descuberto. Todo isto pon en perigo a seguridade de todos os usuarios que utilizan estas vías, ademais de dar unha imaxe de abandono do noso Concello”.

Carmen Álvarez explicou que “os veciños que viven nestas zonas rurais de Folgoso do Courel trasladáronnos o seu descontento co resultado das obras feitas polo Concello. A Alcaldesa e o seu quipo de goberno terán que explicar porqué certificaron e deron o visto bo a estas actuacións. Agardamos que exista un tempo de garantía de ditos traballos para poder emendar este problema porque do contrario a rexedora popular haberá permitido malgastar cartos públicos de todos os lucenses”.

Que che pareceu o artigo ?