fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– Os socialistas esixen á Xunta a dotación dun pediatra, de luns a venres, para o Centro de Saúde de Becerreá. O ambulatorio conta cun médico de familia habilitado para pediatría que non ten a especialidade e que é o encargado de atender aos nenos de Becerreá, Cervantes, Navia, Pedrafita e As Nogais

– Ana Rubinos explicou que “moitas familias trasladáronnos o seu descontento por ter só 2 días á semana un médico. Isto provoca que os pais teñan que desprazarse ata o HULA, facendo unha viaxe de máis de 100 quilómetros e asumindo os custos de transporte, ou pagar un pediatra particular”

– A voceira criticou que “o PP leva unha década maltratando aos veciños da Montaña. Esta é a triste realidade coa que temos que convivir todos os días porque o goberno de Feijóo o único que fai é suprimir servizos públicos”

Becerreá, 26 de febreiro de 2019.- O PSOE de Becerreá esixe á Xunta de Galicia a dotación dun pediatra, de luns a venres, para o Centro de Saúde e PAC de Becerreá. Actualmente o ambulatorio conta cun médico de familia habilitado para pediatría que non ten a especialidade. Este facultativo é o encargado de atender aos preto de 400 nenos de Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e As Nogais.

Hai menos de 1 ano o centro de saúde contaba cun pediatra que se trasladou a Lugo. A Xunta decidiu substituír dito traslado cun médico de familia que non posúe a especialidade en pediatría. A voceira socialista en Becerreá, Ana Rubinos explicou que “moitas familias trasladáronnos o seu descontento por ter só 2 días á semana un médico para atender aos nenos. Isto provoca que cando os pequenos necesitan ser atendidos nos días que o facultativo non ofrece consultas as familias están obrigadas a desprazarse ata o HULA de Lugo, facendo unha viaxe de máis de 100 quilómetros e asumindo os custos de transporte. Algúns pais tamén están levando aos nenos á pediatras particulares para que sexan atendidos canto antes, pois tendo en conta a orografía, o clima e o estado das estradas fan da viaxe un suplicio para os cativos”.

Dende o PSOE non podemos tolerar este agravio comparativo co resto de veciños. Non estamos tendo a sanidade pública, gratuíta e de calidade á que temos dereito cando pagamos os mesmos impostos que o resto de cidadáns. O PP leva máis dunha década maltratando aos veciños da Montaña. Esta é a triste realidade coa que temos que convivir todos os días porque o goberno de Feijóo o único que fai é suprimir servizos”.

Moción no Concello de Becerreá

A voceira informou que os socialistas presentarán no próximo Pleno ordinario unha proposta instando á Xunta de Galicia a reforzar o servizo de pediatría cun especialista titulado de luns a venres, facilitando a atención á poboación infantil dos municipios de Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e As Nogais.

Que che pareceu o artigo ?