fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– Silvia Rodríguez destacou que “alegrámonos de que o rexedor copie as nosas iniciativas e queira realizar un debate público que xurdiu durante a reunión que mantivemos cos pais e nais dos alumnos. Se o señor Serrano quere convocar outro, dende o PSOE non temos ningún problema e asistiremos a cantos fagan falta para amosar o noso rexeitamento ao recorte de persoal”

– Os socialistas advirten que a postura do Alcalde é defender as decisións do PP na Xunta de Galicia e, polo tanto, a eliminación do profesor

Portomarín, 18 de febreiro de 2019.- Os socialistas lamentan que o Alcalde de Portomarín defenda os intereses da Xunta de Galicia e non os das familias do CEIP Virxe da Luz afectadas polos recortes en Educación do goberno de Feijóo. A voceira municipal do PSOE, Silvia Rodríguez destacou que “alegrámonos de que o rexedor copie as nosas iniciativas e queira realizar un debate público que xurdiu durante a reunión que mantivemos cos pais e nais dos alumnos do colexio. Se o señor Serrano quere convocar outro, dende o PSOE non temos ningún problema e asistiremos a cantos fagan falta para amosar o noso rexeitamento ao recorte de persoal que están sufrindo os nenos de primaria durante todo o curso”.

Silvia Rodríguez destacou que “os socialistas non somos hipócritas por querer a reincorporación do profesor que o PP quitou con nocturnidade e aleivosía, pese a que se cumpran as ratios establecidas, pois a situación demográfica mudou e o contexto actual do Concello é o mesmo que hai 10 anos”.

“Estamos desexando que teña lugar esa mesa redonda para que todos os veciños sexan conscientes da posición de cada partido. Dende o PSOE o único que estamos a pedir é a reincorporación do docente que eliminou o PP para que non haxa alumnos de entre 6 e 12 anos nunha mesma clase, empeorando, deste xeito, o nivel formativo dos rapaces. En cambio, a postura do Alcalde, que xa é coñecida por todos, é defender as decisións do PP na Xunta de Galicia e, polo tanto, a eliminación do profesor”.

A voceira municipal subliñou que “dende o Partido Socialista seguiremos defendendo os intereses de todas as familias e pedindo a dotación dun docente para que os nenos e nenas de Portomarín teñan unha educación pública, gratuíta e de calidade á que teñen dereito e que o Partido Popular négalles”.

Que che pareceu o artigo ?