Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O PSOE critica a falta de especialistas na maioría de servizos, a necesidade dun dixestivo, enfermeiros e celadores, un técnico de laboratorio para o servizo de urxencias e restablecer o médico rehabilitador

– Os socialistas denuncian a derivación de pacientes para realizar probas a centros privados, listas de espera para probas de cardioloxía ou radioloxía, contratos de días. O número de reclamacións superan a cincuentena

– Nos últimos 4 anos a Xunta amortizou no centro de saúde 2 prazas. Os médicos atenden unha media de 60 persoas nunha soa mañá. Só hai 3 pediatras para atender aos máis de 2.200 nenos de Monforte de Lemos, Sober e Pantón

Monforte de Lemos, 12 de febreiro de 2019.- Socialistas, veciños e médicos denunciaron este martes diante do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos o desmantelamento da sanidade pública e a precarización dos servizos por parte do PP na Xunta de Galicia. Na concentración participou o Vicesecretario Xeral de Goberno Local e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, Concelleiros, Voceiros e militantes da zona sur da provincia á que da servizo o centro sanitario.

Os socialistas e veciños denuncian que no Hospital de Monforte, para ma´si de 50.000 habitantes, non teñen oncólogos propios, levan 3 anos con 1 só dixestivo, na maioría de servizos só hai un facultativo especialista como en alergoloxía, endocrinoloxía, dermatoloxía… que acaban desempeñando o traballo internistas. Hai listas de espera para facer probas básicas en cardioloxía, resonancias e revisións. Se necesitan máis enfermeiros e celadores, un técnico de laboratorio para o servizo de urxencias e restablecer o médico rehabilitador. O Sergas dotou ao centro dun servizo de esterilización pero sen persoal especializado polo que teñen que realizar esa labor cirurxiáns. Suprimiron o teléfono interno para avisar aos facultativos. Ademais, o PSOE critica a derivación de pacientes a centros privados para terapias de fisioterapia ou logopedia e contratos de días. Con todo isto, o número de reclamacións feitas polos cidadáns superan a cincuentena e vai en aumento.

Tomé Roca subliñou que o PP “estanos quitando, a toda a zona sur da provincia, servizos sanitarios paulatinamente. Primeiro foi a supresión da área sanitaria para centralizala na cidade de Lugo e así restarnos autonomía e competencias e agora é coa falta de persoal para poder atender correctamente aos veciños no Hospital Comarcal. O Sergas está xogando coa saúde de máis de 60.000 lucenses debido ás políticas de recortes. Dende o Partido Socialista seguiremos defendendo unha sanidade pública, gratuíta e de calidade á que temos dereito como cidadáns.”

Desmantelamento do centro de saúde

Os socialistas denuncian que o centro de saúde de Monforte de Lemos tamén está sendo desmantelado pola Xunta. Nos últimos 4 anos a Xunta amortizou 2 prazas, unha por traslado e outra por xubilación, quedando 12 médicos cando antes había 14. Isto provoca que na actualidade os profesionais atendan unha media de 60 persoas nunha soa mañá. Só hai 3 pediatras para atender aos máis de 2.200 nenos de Monforte de Lemos, Sober e Pantón. Isto supón unha lista de espera de máis de 10 días para que as familias sexan atendidas. Os profesionais tamén se queixan da falta de material para facer curas, como esparadrapos ou gasas.

Que che pareceu o artigo ?