Alcaldesa de Sarria: “Co ritmo inversor da Xunta os veciños teremos o desdobramento integral do corredor en 40 anos”
– López Yáñez lamentou que “Feijóo só veña ao Concello a seguir facendo falsas promesas sobre o corredor Sarria-Lugo. Hai xa 3 anos, e antes das eleccións autonómicas, Feijóo prometeu o desdobramento da estrada e aínda non fixo nada”
– O executivo galego do PP só investiu 170.000 euros para a realización do proxecto e ten comprometidos 4 millóns para os próximos 4 anos. “Tendo en conta que a previsión para as obras é de 42 millóns, tardaremos 40 anos en ter o desdobramento integral”
– “É frustrante que sistematicamente o Partido Popular faga caso omiso a todas as peticións que trasladamos os veciños. Feijóo maltrata aos sarriáns porque goberna o PSOE no Concello. É triste pero é a realidade. Non hai nin un investimento de fondos públicos da Xunta en Sarria, que nos corresponden como o resto de galegos”
– Unha das prioridades do Concello é dotar a Sarria dunha nova gardería pública. “Unha das fórmulas é facer un convenio coa Xunta. Hai 6 meses puxémonos en contacto con eles para valorar esa posibilidade pero aínda non recibimos resposta algunha”
Sarria, 16 de marzo de 2019.- A Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, lamentou que “o señor Feijóo só veña ao Concello a seguir facendo falsas promesas a todos os sarriáns. Estamos fartos de tantas mentiras e enganos sobre o corredor Sarria-Lugo. Hai que ter capacidade para non poñerse vermello cando non fixeron nin un só investimento en Sarria e vir ao Concello e intentar enganarnos. Hai xa 3 anos, e antes das eleccións autonómicas, Feijóo prometeu o desdobramento da estrada. Esta semana, e coincidindo tamén co período preelectoral, a Xunta de Galicia volve facer un anuncio que frea a súa propia promesa”. A rexedora socialista fixo esta afirmación tras a visita do Presidente da Xunta de Galicia ao municipio para un acto do PP.
A rexedora socialista explicou que o presuposto previsto para as obras da autovía é de 42 millóns de euros. O executivo galego do Partido Popular só investiu 170.000 euros para a realización do proxecto. Para este ano, os orzamentos autonómicos recollen unha partida de 1 millón para iniciar a primeira fase do desdobramento, un total de 11,5 quilómetros comprendidos entre Sarria e a Pobra de San Xiao. Para o 2020 a Xunta compromete 1 millón, para 2021 outro millón e para o 2022 outro.
López Yáñez apuntou que “queremos que nos aclare cando estará rematada completamente esta infraestrutura vital para o desenvolvemento da provincia porque a este ritmo inversor non teremos o desdobramento do corredor ata dentro de 40 anos. É moi frustrante que sistematicamente o goberno galego do Partido Popular faga caso omiso a todas as peticións que trasladamos os veciños aínda que sexan da súa responsabilidade. Feijóo maltrata aos sarriáns porque goberna o PSOE no Concello. É triste pero é a realidade. Non hai nin un só investimento de fondos públicos da Xunta de Galicia en Sarria, que nos corresponden como o resto de galego pero que nos nega o PP”.
A Alcaldesa advertiu que desdobrar só un treito do corredor “traerá moitos problemas”. Neste senso, a rexedora municipal apuntou que se crearán grandes atascos na entrada e saída do treito ao ser unha vía moi empregada pois conecta o sur co centro da provincia.
O Concello quere unha gardería pública, a Xunta non responde
Unha das prioridades do Goberno Municipal é dotar a Sarria dunha nova gardería pública debido a actual demanda que teñen as familias. Pilar López informou que o Concello ten dúas garderías, unha pública e outra privada, con amplas lista de espera. “Dende o equipo de goberno queremos poñer en marcha unha escola infantil para atender as necesidades dos veciños de Sarria. Unha das fórmulas é facer un convenio coa Xunta de Galicia para implantar unha a través da rede pública galega Galiña Azul. Puxémonos en contacto co executivo galego para valorar esa posibilidade de colaboración, incluso estudariamos ceder terreos municipais para facer realidade a escola infantil canto antes, pero a Xunta leva 6 meses para contestarnos e aínda non recibimos resposta algunha. Outra falta de respecto máis aos veciños de Sarria”.