fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

A actual Deputada de Cultura no Goberno Provincial encabezará a lista do PSOE. Os compañeiros da agrupación valoraron positivamente a súa experiencia e traxectoria xestionando solventemente durante estes anos as áreas de economía e cultura

“Estou moi agradecida de formar parta da lista ao senado e vou traballar para achegar novos investimentos e proxectos a Antas de Ulla, como fixen dende a Deputación”

– García Porto avanzou que está traballando na confección da lista para as eleccións municipais, “que contará con caras novas e xente con experiencia. Somos un grupo de veciños de Antas que traballamos en política movidos polas necesidades do día a día”

Antas de Ulla, 27 de marzo de 2019.- A voceira municipal do PSOE, Pilar García Porto, será a candidata socialista á alcaldía de Antas de Ulla para as eleccións municipais do 26 maio. A actual Deputada de Cultura no Goberno da Deputación encabezará a lista do PSOE porque “temos unha boa oportunidade de liderar o cambio necesario e seguro para Antas de Ulla, avalado pola experiencia de xestión na Deputación”, subliñou a socialista.

Os integrantes da agrupación valoraron positivamente a experiencia e traxectoria de García Porto no Executivo Provincial, xestionando solventemente durante estes anos as áreas de economía e cultura, das que estivo á fronte. Neste eido, destacaron deixar a 0 a débeda na Deputación, realizar os primeiros orzamentos participativos na provincia ou poñer en valor as correntes culturais de Antas e da comarca da Ulloa.

García Porto formará parte da lista aos senado dos socialistas pola provincia de Lugo. “Este feito foi valorado positivamente polos compañeiros da agrupación que ven con ilusión este novo reto que traerá beneficios para a Comarca da Ulloa como aconteceu coa Deputación. Estou moi agradecida de poder compartir esta experiencia con persoas cunha bagaxe ampla na política Municipal e na Estatal. Vou traballar para achegar novos investimentos e proxectos a Antas de Ulla”.

García Porto avanzou que está traballando na confección da lista dos socialistas para as eleccións municipais, “que contará con caras novas, xente comprometida e que representará ao conxunto da sociedade de Antas de Ulla. Somos un grupo de veciños e veciñas de Antas, que nacimos e vivimos no Concello, que facemos política movidos polas necesidades do día a día, conscientes da falta de compromiso coas persoas que queren emprender e coas que queremos abrir portas para que establezan o seu medio de vida no noso Concello”.

“Imos a traballar para sacar a Antas de Ulla desta inacción na que a ten sumida o Alcalde, que leva arrastrando serias deficiencias moito tempo, facendo cambios a través dun proxecto sumamente social e que atenda as necesidades das persoas. E será moito máis sinxelo cun goberno amigo no Estado e outro na Deputación, que estou segura de que manteremos, atendendo as necesidades que demanden os veciños de Antas e da Comarca da Ulloa”, apuntou a candidata socialista.

A voceira municipal subliñou que “eu nacín en Antas de Ulla e dende o primeiro día teño a miña cabeza posta no meu Concello, para que mellore e avance cara a un futuro máis digno, con máis servizos, con máis atención aos nosos maiores, mellores infraestruturas como o alcantarillado, traídas de auga ou estradas municipais, apostando polo sector primario e os recursos naturais e patrimoniais. Para nós o potencial máis importante é a xente. Dinamizaremos social e economicamente o noso rural e dotaremos aos colectivos veciñais e culturais de locais para que poidan desenvolver as súas iniciativas. Ese é o compromiso que temos os socialistas e polo que nos imos a esforzar e implicar para que se faga realidade”.

Que che pareceu o artigo ?