“O Alcalde actúa en contra dos veciños de Becerreá, tentando bloquear a residencia ou os case 300.000 euros para o Concello do Plan Único da Deputación”
– O PSOE explicou que o Alcalde votou en contra do Orzamento Provincial cando inclúe case 500.000 euros para as obras da residencia e ata o recorreu para tentar paralizalo de inmediato. A xustiza non lle deu a razón e o presuposto continúa a súa execución
– O Alcalde volveu a votar en contra do Plan Único 2019 que concede case 300.000 euros ao Concello de Becerreá para mellorar prestacións públicas ou financiar o SAF Básico
– “O rexedor só atende aos seus intereses individuais e particulares, que nada teñen que ver cos dos veciños de Becerreá, aos que nin representa, nin defende”
Becerreá, 2 de marzo de 2019.- O PSOE de Becerreá defende que “a cidadanía debe saber que o Alcalde está a actuar en contra dos intereses de todos os veciños, tentando bloquear actuacións tan demandadas, necesarias e importantes para o noso Concello, como a construción da residencia de maiores ou todas as melloras de servizos públicos cos case 300.000 euros que recibe o noso municipio a través do Plan Único 2019. O Alcalde demostra unha vez máis que só atende aos seus intereses individuais e particulares, que nada teñen que ver cos dos veciños de Becerreá, aos que nin representa nin defende”.
Así o expuxo a voceira socialista. Ana Rubinos explicou todos os feitos que corroboran isto e detallou que “o Alcalde votou en contra do Orzamento da Deputación para 2019 cando este inclúe preto de 500.000 euros para financiar as derradeiras obras da construción da nosa residencia de maiores, que tantos anos demandamos á Xunta de Galicia e que agora está a executar a Deputación. Afortunadamente, o presuposto saíu adiante cos votos a favor dos compañeiros do PSOE no Goberno Provincial”.
“Non satisfeito, o Alcalde presentou un recurso contra o Orzamento, chegando a pedir incluso medidas cautelarisimas e cautelares para tentar paralizar de inmediato todos os investimentos e axudas. Entre elas, o medio millón de euros para a concluír as obras da residencia de Becerreá. A xustiza non lle deu a razón e o presuposto segue coa súa execución”.
“O último feito, que volve a constatar que o Alcalde nin representa nin defende aos veciños de Becerreá, que só actúa por intereses individuais que nada teñen que ver cos dos veciños, foi votar en contra do Plan Único 2019, sendo o único representante na Deputación que o fixo. Dixo non a un plan que concede preto de 300.000 euros ao noso Concello para que se poidan executar novas obras de mellora de servizos públicos, para financiar as horas de atención profesional aos nosos maiores co SAF Básico, para xerar emprego ou para contribuír á celebración de actividades turísticas, deportivas ou culturais que dinamicen o noso municipio”.
“Non hai ningunha explicación válida para que un Alcalde, que debe defender por riba de todo aos seus veciños, faga todo isto; para que un Alcalde actúe en contra dos intereses e necesidades de todos os seus veciños”, concluíu.