O PSOE de Becerreá esixe ao Concello que cumpra o convenio colectivo e pague os custos de desprazamento das traballadoras do SAF Básico
– Faino porque o Alcalde obriga ás profesionais a pagar todos os gastos de desprazamento ás vivendas dos usuarios que atenden, dende o combustible ata a amortización e mantementos dos seus propios vehículos
– Ante a falta de resposta do rexedor, o PSOE presentará no pleno unha proposta esixindo a aplicación inmediata, a efectos de gastos de locomoción, do convenio colectivo para a actividade de axuda a domicilio de Galicia
– Os socialistas tamén demandan a reforma dos vestiarios do campo de fútbol municipal posto que as mulleres non poden cambiarse porque non teñen vestiarios propios. “É unha situación moi lesiva para as rapazas que o único que reclaman é ter a mesma igualdade de oportunidades para practicar este deporte”
Becerreá, 28 de marzo de 2019.- O PSOE de Becerreá esixe ao Concello que pague os custos de desprazamento das traballadoras do servizo de Axuda no Fogar Básico. Faino porque o Alcalde obriga ás profesionais a pagar todos os gastos de desprazamento ás vivendas dos usuarios que atenden, dende o combustible ata a amortización e mantementos dos seus propios vehículos, que son os que utilizan.
A voceira socialista, Ana Rubinos, denunciou, hai 5 meses, a situación de agravio comparativo que existe entre as traballadoras deste servizo coas auxiliares para persoas dependentes en Becerreá, ás que si se lles paga os gastos de locomoción. Isto provoca que as traballadoras do SAF Básico teñan que pagar das súas nóminas un gasto do redor de 200 euros.
Ante a falta de resposta por parte do equipo de goberno, o PSOE presentará no vindeiro pleno unha proposta esixindo a aplicación inmediata, a efectos de gastos de locomoción, do convenio colectivo para a actividade de axuda a domicilio de Galicia, tomando como punto de partida quilométrico dos desprazamentos a Casa do Concello.
Reforma inclusiva de vestiarios do campo de fútbol
Os socialistas tamén presentarán unha iniciativa para que se inicien as obras de reforma nos vestiarios do campo de fútbol municipal. “Chegáronnos moitas queixas de deportistas que non poden cambiarse porque non dispón de vestiario para as mulleres. É unha situación moi lesiva para as rapazas que o único que reclaman é ter a mesma igualdade de oportunidades e medios para practicar este deporte” subliñou Ana Rubinos.