O PSOE de Portomarín esixe á Xunta que cumpra co acordo de 2009 e dote ao colexio dunha unidade de primaria e 2 mestres máis
– Faino despois dos recortes educativos que realizou o goberno galego do PP durante este curso e que provocaron a supresión dun mestre cando o centro escolar conta con máis alumnos que en anos anteriores
– Silvia Rodríguez denunciou que “o PP non cumpre a normativa que o propio Feijóo modificou no 2009 e que determinaba que o alumnado de distinto ciclo pódese agrupar cando o número de alumnos sexa inferior ou igual a 12.
– Se esta norma se aplicase como foi aprobada, o centro educativo de Portomarín debería de contar en primaria con 3 unidades e dous mestres máis
Portomarín, 27 de marzo de 2019.- O PSOE de Portomarín esixe á Xunta de Galicia que cumpra co marco normativo do catálogo acordado no ano 2009 e que dote ao CEIP Virxe da Luz de Portomarín dunha unidade máis de primaria e de 2 mestres máis. Faino despois dos recortes educativos que realizou o goberno galego do PP durante este curso e que provocaron a supresión dun mestre cando o centro escolar conta con máis alumnos que en anos anteriores.
A voceira socialista en Portomarín, Silvia Rodríguez, advertiu que esta decisión tomada por parte da Consellería de Educación promove que alumnos de Primaria teñan que agruparse en só 2 grupos: 9 alumnos en 1º, 2º e 3º de Primaria; e 13 alumnos en 4º, 5º e 6º de Primaria. “Isto repercute moi negativamente na calidade da educación que están a recibir estes nenos, pois concéntranse nenos de 6 a 12 anos, con distintas necesidades e niveis”.
Silvia Rodríguez denunciou que “o PP non está cumprindo a normativa que o propio Feijóo modificou, no ano 2009. Entre as directrices aprobadas nese momento pola Dirección Xeral de Centros, determinouse que o alumnado de distinto ciclo pódese agrupar nunha mesma aula cando o número de alumnos sexa inferior ou igual a 12. Segundo estas directrices aprobadas pola Xunta de Galicia, a Consellería de Educación está a incumprir o seu propio marco normativo no caso do CEIP Virxe da Luz de Portomarín. Si esta norma se aplicase como foi aprobada, o centro educativo de Portomarín debería de contar en primaria con 3 unidades e dous mestres máis”.
Moción do PSOE no Pleno de Portomarín
A voceira municipal presentará no Pleno de mañá unha proposta esixindo ao PP que cumpra co acordo e dote ao centro dunha unidade de Primaria máis e dous mestres. “E o facemos ante a falta de respostas por parte do goberno galego e para defender o dereito de todas as familias de Portomarín de ter unha educación pública, gratuíta e de calidade”, subliñou Rodríguez.
O PP recoñeceu no Parlamento Galego que non cumpría a normativa
A socialista informou que o PSOE levou este problema ao Parlamento Galego onde se debateu na Comisión de Educación. Os Deputados socialistas trasladaron na cámara galega a necesidade real de dotar con máis mestres o CEIP Virxe da Luz de Portomarín. “A contestación da Xunta de Galicia do PP, a través do Director Xeral de Centros Educativos, foi recoñecer que non estaban cumprindo coa normativa pero que cada Concello tiña a súa situación e que no caso de Portomarín estaban cubridas as necesidades”.