“O PSOE demostrou con feitos en Monforte de Lemos que cando gobernamos aos veciños lles vai mellor”
Monforte de Lemos, 23 de marzo de 2019.- O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, presentou este sábado a candidatura para as próximas eleccións municipais. Fíxoo nun acto celebrado na cidade do Cabe acompañado do Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos, e do Secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, así como de compañeiros e veciños de Concello.
Santos Ramos destacou que “temos que reivindicar que cando gobernamos os socialistas, aos veciños vailles mellor. Existe un cambio dende que Tomé goberna e iso é indiscutible. Foi capaz de facelo nunha conxuntura política e económica complexa. Que vou dicir de Tomé, unha persoas traballadora, comprometida e leal a uns valores sociais”.
“Onte vimos a Feijóo por Monforte de Lemos afirmando que o PP tiña feito máis polos monfortinos non gobernando que os socialistas. Ao Presidente da Xunta hai que dicirlle que o único favor que fixo foi ese, non gobernar. O PP e a Xunta levan moitos anos sen facer nada. Cando se fai algo é porque estamos os socialistas no Goberno do Estado, Autonómico, Provincial ou Municipal. ¿Cando tivo a opción Monforte de ter un corredor que o conectase con Lugo con maior mobilidade? cando gobernaba o PSOE. ¿Cando tivo a oportunidade de desenvolver o porto seco?; cando se volveu a falar da tan necesaria autovía con Ourense e Ponferrada ou cando se fala de que sexa o nó loxístico deas mercadorías ferroviarias do Atlántico, cando os socialistas estamos nos gobernos. Por iso, os monfortinos saben que cando goberna Tomé e cando os socialistas gobernan, a eles lles vai mellor. Témolo demostrado con feito”.
“Podemos sentirnos orgullosos do que fixemos e o que significaron os investimentos públicos para Monforte. Dende O Goberno da Deputación, cunha oposición instalada na critica e no desprezo, bloqueando calquera iniciativa, achegamos 3,7 millóns aos veciños de Monforte. 1,7 para investimentos e obras moi necesarias no municipio. Foi a Deputación a que achegou os cartos necesarios para acometer a mellora do saneamento pois a Xunta do PP non puxo nin un só euro”.
Débedas históricas do PP cos monfortinos
“Nós nos vimos a ver o candidato como fixo onte Feijóo. Nós vimos a respaldar ao candidato que temos. É raro que o Presidente da Xunta non anunciara nada e iso que ten débedas históricas cos monfortinos. Onde está a axuda para rematar o PXOM, o necesario desdobramento do corredor?. Pediu desculpas pola eliminación da area sanitaria. Onde están as melloras no Hospital, os servizos e os médicos?. Iso é o PP. E e os veciños sábeno”.
“Estamos nun escenario moi importante, no que nos xogamos todo, que este pobo siga medrando, que teñan máis servizos, que teña a capacidade de ter sinerxias con outras institucións para acadar máis investimentos”.
“En fronte de Tomé non hai nada para Monforte de Lemos”
Gonzalo Caballero subliñou que “a prioridade de Tomé é Monforte de Lemos e o benestar dos seus veciños. A decisión de Tomé de deixar o traballo no parlamento galego foi un exemplo de compromiso coa súa vila. En fronte de Tomé non hai nada para Monforte de Lemos. Non lle temos medo ao PP porque non teñen nin forza, nin peso. O presente e o futuro é dos socialistas e dos veciños”.
Tomé Roca agradeceu aos compañeiros de candidatura “o esforzo” para continuar coa labor que levamos facendo nestes 4 anos. “Síntome arroupado por todos os monfortinos. Hai 4 anos presentamos unha candidatura e gañamos por primeira vez as eleccións na democracia. E lembrarades que dicía que Monforte levaba tido 4 alcaldes. E como di o refrán non hai quinto malo. Cumprín o meu compromiso de traballo, dedicación e ilusión para facer realidade que o quinto Alcalde fose un bo rexedor”.
“Cando empezamos, dun xeito complicado, atopámonos cun proxecto paralizado e ningún proxecto en marcha. O orzamento gastado en maio. As pistas do rural en mal estado, mal alumeada, con moitos problemas co saneamento e co abastecemento, os servizos sociais baixos mínimos, facturas no caixón sen pagar por un importe superior aos 700.000 euros. A pesar de estar en minoría, e que a oposición votou en contra a todo, fomos capaces e darlle a volta e poñer a Monforte no camiño do futuro. A Monforte comparado con hai 4 anos non o coñece ninguén. Porque hoxe está mellor en todos os sentidos”.
“Non perdemos o tempo en criticar a ninguén e iso que tiñamos motivos para facelo. Nós temos claro que o que nos preocupa son os problemas dos monfortinos, porque para contar mentiras xa está o señor Feijóo. Nestes 4 anos non fixo nada, só propaganda. Non fixo nin un só proxecto, lamentablemente esa é a realidade. Alá vostede señor Feijóo en 3 años non tivo tempo en recibir ao Alcalde de Monforte de Lemos a pesar de pedirllo por escrito e por rexistro. Aínda hoxe non temos cita concertada. Ese é o interese. O Alcalde da segunda cidade da provincia quería expoñerlle que cumpra coas obrigas que ten co Concello de Monforte de Lemos. Quizá dentro de pouco xa non teña ese problema porque será Gonzalo quen me reciba. Pero tivemos sorte de estar o PSOE no Goberno da Deputación e poder contar co seu apoio. Por iso, os monfortinos agradecémoslle o seu esforzo”.
400.000 euros máis cada ano para servizos sociais
“Empezamos polos servizos sociais, pois para min é un tema fundamental, as obras poden esperar, as persoas non. Iso os socialistas o temos claro. Por iso, o noso goberno dedicou 400.000 euros máis cada ano que o goberno anterior, duplicamos as axudas aos colectivos sociais, aumentamos o investimento para a atención a maiores e duplicamos o número de actividades para eles. Non quedou nin unha persoa maior sen unha axuda por parte do Goberno Municipal. En resume, somos o goberno de todos”.
Apoio ao comercio e ao turismo
“Tamén apoiamos o comercio, un dos piares da nosa economía, con axudas directas para a súa promoción. A Ribeira Sacra é fundamental para este goberno, por iso elaboramos un guía turística en Monforte, que non existía, para poñer en valor a nosa gastronomía, a nosa paisaxe e o noso patrimonio. Recuperamos as festas patronais porque sendo a capital da Ribeira Sacra, unha cidade con historia, temos que ter unhas festas decentes. Tamén recuperamos a tradición dos fogos no río”.
Dinamización do rural e do emprego
“Melloramos as comunicacións do Concello arranxando máis de 80 rúas no casco urbano e máis de 200 pistas nas parroquias do rural. Tamén melloramos o alumeado público de máis de 50 rúas, instalando unhas 300 luminarias. En materia de emprego os Concellos non temos competencias pero nós intentamos axudar aos nosos veciños, por iso, apoiamos ás empresas de Monforte, contratando todo o que legalmente é posible a empresas monfortinas para que poidan manter os postos de traballo no Concello. Tamén melloramos o polígono industrial. Temos 7 millóns de remanentes porque somos os socialistas os que xestionamos ben”.
Gobernamos para todos os veciños
“É certo que levamos moito feito pero sempre hai cousas que facer para mellorar a calidade de vida dos cidadáns. Procurei chegar a todos os barrios para que todos se beneficien das melloras, tendo en conta sempre á xente do rural, para que teñan os servizos necesarios. Se queredes que siga mellorando Monforte, o día 26 tedes que ir a votar, para que os socialistas sigamos gobernado”.
“Unha candidatura forte e consolidada”
O Alcalde de Monforte de Lemos subliñou que se trata dunha “candidatura forte e consolidada, coa que gañaremos as eleccións”. Os socialistas monfortinos presentan a seguinte lista: José Tomé Roca, Gloria María Prada Rodríguez, Ibán Torres Rodríguez, María del Pilar Espinosa Novelle, José Luis Losada Fernández, Marina María Doutón Rajo, José Manuel Mougán Sobredo, Regina López Arias, Guillermo Díaz Aira, Margarita López Rodríguez, Miguel Tomé López, Sonia López Montero, José Antonio Rodríguez Rodríguez, Carlota Tomás López, José Ramón Piñeiro Rodríguez, Sara Mougán Martínez, Manuel Francisco Bande Neira.