O PSOE denuncia a paralización durante máis de 12 anos da ampliación do parque empresarial por parte da Xunta e do Alcalde de Becerreá
– A voceira socialista advirte que moitas empresas interesadas en instalarse no Concello non o poden facer pola falta de solo industrial
– Ana Rubinos explicou que a Xunta de Galicia prevía no 2006 a ampliación do polígono industrial cunha superficie de máis de 20.000 m2 e 13 parcelas
– “Onde está a segunda fase dese proxecto destinada á actividade empresarial?. O señor Martínez e o PP non fixeron nada por potenciar que novas entidades se instalen no municipio e impulsen a economía e o emprego” lamentou Rubinos
Becerreá, 21 de marzo de 2019.- Os socialistas de Becerreá denuncian que moitas empresas interesadas en instalarse no Concello non o poden facer pola falta de solo industrial. A voceira municipal do PSOE, Ana Rubinos, lamentou que “o proxecto de ampliación do parque empresarial de Becerreá leva parado máis de 12 anos pola desidia do Alcalde e da Xunta de Galicia”.
A socialista explicou que a primeira fase do polígono industrial foi inaugurada no ano 2001 cun investimento de máis de 850.000 euros. Esa primeira fase contaba cunha superficie total de 29.394 metros cadrados, divididos en 21 parcelas, que foron vendidas na súa totalidade no ano 2006.
Ana Rubiños informou que a Xunta de Galicia a través do Instituto de Vivenda e Solo “prevía no 2006 a ampliación deste parque nunha segunda fase cunha superficie de máis de 20.000 metros cadrados e outras 13 parcelas. Onde está a segunda fase deste proxecto e as parcelas novas destinadas á actividade empresarial?. O señor Martínez e o PP non fixeron nada por avanzar neste tema durante máis dunha década. Para un Concello como Becerreá, cabaceira de comarca, é fundamental potenciar o tecido empresarial e que novas entidades se instalen no municipio e impulsen a economía e o emprego da vila, pero polo visto, non hai interese por parte dos gobernos municipal e autonómico en sacar adiante esta iniciativa”.
A voceira do PSOE advertiu que “moitas empresas están interesadas en establecer os seus negocios en Becerreá, pero ante a falta de solo industrial, vense abocadas a ir a outros Concellos”.