Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– Hai zonas sen liñas suficientes para ofrecer a conexión o que implica que ademais de non ter estes servizos, os veciños non poden cambiar de compañía para non perder o acceso a internet, sendo un monopolio da operadora. Os afectados vense obrigados a contratar prestacións que non desexan para ter acceso a tarifas planas de móbiles

– Jaime González lamentou que “o PP na Xunta de Galicia permita á operadora unha clara exclusión que están a sufrir moitos veciños. Unha vez máis, o Partido Popular defende antes os intereses dunha empresa que os dereitos básicos das persoas”

– O PSOE presentou na cámara galega unha Proposición non de lei instando ao PP a que demande á empresa Telefónica-Movistar que dispoña os sistemas técnicos necesarios para que os veciños de Baralla conten con conexión telefónica e internet por cable

Baralla, 12 de marzo de 2019.- O PSOE denuncia que máis de 100 veciños do núcleo urbano de Baralla son discriminados ao non ter acceso a servizos de telefonía e internet porque non hai liñas suficientes para ofrecer a conexión. O voceiro socialista, Jaime González, explicou que existen zonas onde non hai pares libres para poder ter servizo de internet por cable “o que impide cambiar de compañía por medo a perder o acceso por cable a internet, sendo un monopolio de Telefónica-Movistar. Ante esta situación, os veciños afectados por esta carencia vense obrigados a contratar con Movistar servizos que non desexan como por exemplo televisión para poder acceder a tarifas planas de móbiles”.

González lamentou que “o PP na Xunta de Galicia permita á operadora unha clara exclusión que están a sufrir moitos veciños e veciñas de Baralla. Unha vez máis, o Partido Popular defende antes os intereses dunha empresa que os dereitos básicos das persoas. O Presidente Feijóo presume moito de que esta é a lexislatura do rural pero con estas restricións de servizos estase limitando a creación de tecido empresarial no noso Concello e impedindo o crecemento económico en Baralla”.

Proposición non de lei no Parlamento Galego

Ante a gravidade da situación, a Deputada Socialista pola provincia de Lugo, Concepción Burgo, presentou varias iniciativas na cámara galega para esixir á Xunta de Galicia do PP que solucione os problemas que teñen os veciños de Baralla para acceder a servizos de telefonía e internet. O PSOE rexistrou unha Proposición non de lei instando ao goberno galego a que demande á empresa Telefónica-Movistar que dispoña os sistemas técnicos necesarios para que todos os residentes no Concello de Baralla teñan a posibilidade de contar con conexión telefónica e internet por cable.

O PP rexeitou no 2017 esixirlle a telefónica este dereito

Esta non é a primeira vez que o PSOE pon de manifesto este problema en Baralla. No 2017 os socialistas levaron diferentes propostas ao Parlamento Autonómico reclamando ao PP esixir a telefónica unha liña fixa de internet pero os populares rexeitaron a iniciativa.

A operadora non está cumprindo coa lei

Os socialistas informaron que segundo a Lei Xeral de Telecomunicacións 9/2014 do 9 de maio, todos os usuarios teñen dereito a unha conexión á rede pública de comunicación electrónica dende unha localización fixa cun servizo universal, “sempre que sexan razoables”.

O Real Decreto 424/2005 marca no artigo 29  que “considéranse razoables as peticións de conexión que solicite calquera inmoble situado en solo urbano”, como sucede no Concello de Baralla. O PSOE aclara que a operadora que ten que dar o que se chama servizo universal é Telefónica segundo a ORDE ETU/1973/2016.

Que che pareceu o artigo ?