Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– Fixérono a través dunhas iniciativas presentadas no Parlamento para coñecer en que estado está a solicitude do Consistorio de permutar a porcentaxe da propiedade que posúe por un edificio que albergará o Xulgado de Paz

– O Pleno municipal, co apoio do PSOE de Ribadeo, acordou, hai máis de 6 meses, iniciar o procedemento para ceder a súa propiedade á empresa Paisajes de Asturias. Segundo a lei do patrimonio cultural a Xunta ten dereito de tanto

– Os socialistas lamentan que dende o Concello de Ribadeo e dende a Xunta de Galicia non se estea informando á cidadanía sobre o futuro da Torre dos Moreno

Ribadeo, 8 de marzo de 2019.- Os socialistas esixen á Xunta de Galicia que aclare en que situación está a cesión do Concello de Ribadeo da Torre dos Moreno. Fixérono a través dunhas iniciativas presentadas no Parlamento autonómico para coñecer de primeira man en que estado está a petición do Consistorio de permutar a porcentaxe da propiedade que actualmente posúe deste inmoble declarado Ben de Interese Cultural (BIC) por un edificio rehabilitado que irá destinado a albergar o Xulgado de Paz.

Neste momento, a propiedade do edificio está repartida entre particulares cun 19%, a empresa Paisajes de Asturias cun 60% e o Concello de Ribadeo cun 21%. O actual estado de deterioro, ademais de supoñer un risco, con leva a necesaria inversión de máis de 5 millóns de euros para a súa rehabilitación, dos que 1,1 corresponderían ao propio Concello de Ribadeo.

O Pleno municipal, co apoio do PSOE de Ribadeo, acordou, hai máis de 6 meses, iniciar o procedemento para ceder a súa propiedade á empresa Paisajes de Asturias por outra para trasladar a ela o Xulgado de Paz. Os socialistas explicaron que a lei do patrimonio cultural establece o dereito de tanteo e retracto á Xunta de Galicia.

Iniciativas presentadas

Os socialistas de Ribadeo lamentan que dende o Concello de Ribadeo e dende a Xunta de Galicia non se estea informando á cidadanía sobre o futuro da Torre dos Moreno. Para o PSOE é fundamental preservar e rehabilitar a Torre dos Moreno, unha das construcións máis singulares da localidade. Por estes motivos, os socialistas rexistraron na cámara galega varias propostas esixindo ao PP na Xunta de Galicia que aclare se contestou ao Concello a petición do Pleno de RIbadeo e se ten a intención de exercer o dereito de tanteo.

Que che pareceu o artigo ?