“Orgullosos do que ofrecemos aos veciños de Foz” como a humanización da zona das Torres
Santos Ramos e compañeiros da agrupación socialista de Foz abordaron o proxecto político que ofrecen aos focenses
Foz, 23 de marzo de 2019.- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, mantivo este sábado un encontro cos compañeiros da agrupación socialista de Foz, no que abordaron o proxecto político que están a desenvolver.
Santos Ramos, acompañado polo candidato do PSOE á alcaldía, Francisco Cajoto, destacou que “a nós non nos importan os galardóns, senón o que podemos facer e ofrecer aos nosos veciños. Podemos sentirnos orgullosos de ter financiado con 2,7 millóns de euros dende o Goberno Socialista da Deputación novos proxectos para os veciños de Foz como a humanización da zona da Torres ou novo alumeado do campo de fútbol. O feito de que un Alcalde insulte a un rival político polas súas circunstancias persoais demostra que non ten un proxecto político que ofrecer aos cidadáns, que está nervioso ante as eleccións municipais e que o único que lle interesa é manterse no poder”.
“Os socialistas seguiremos a ofrecer máis iniciativas aos nosos veciños, novas propostas en impulso e mellora de Foz como as que xa lles ten trasladado o noso compañeiro Fran. Aos socialistas o que nos move é un proxecto político para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”.
Humanización da zona das Torres
Tras a reunión que mantiveron na sede socialista, visitaron algunhas das actuacións financiadas polo Executivo Provincial socialista en Foz.
Exemplo disto, son as obras de rehabilitación do parque infantil e das pistas deportivas da zona das Torres. O PSOE no Goberno da Deputación financia con 142.000 euros integramente ditos traballos, que consisten na remodelación do parque infantil, con novos xogos, unha pista de skate, un rocódromo, así como outras zonas de ocio. Esta non é a primeira actuación que o Executivo Provincial financia na zona das Torres en Foz. Anteriormente, os socialistas destinaron outros 78.000 euros ao arranxo do firme con aglomerado en quente en toda a urbanización.