“Os socialistas achegamos 2 millóns para actuacións no Saviñao. Iso é o castigo ao que se refire o señor Armesto?”
– O voceiro do PSOE no Saviñao puxo en valor as actuacións que os socialistas levaron ao Concello tras a acusación do candidato do PP de que os veciños “estaban sendo castigados”
– “Armesto minte aos veciños ou non é coñecedor do traballo na Deputación. Se se trata do primeiro, entón non ten decencia política, pero se se trata do segundo, entón non fai o seu traballo posto que é Deputado Provincial e debería coñecer todos os investimentos que se levan ao seu Concello”
– O PSOE no Goberno da Deputación destinou 2 millóns que permitiron mellorar infraestruturas, atender aos maiores, xerar novos empregos ou impulsar o turismo, a cultura e o deporte a través da celebración de diferentes iniciativas
O Saviñao, 25 de marzo de 2019.- O voceiro do PSOE no Saviñao, Celestino Rodríguez, puxo en valor este luns as actuacións que os socialistas levaron ao Concello. “O Goberno do PSOE na Deputación achegou 2 millóns de euros aos veciños do Saviñao para mellorar infraestruturas, atender aos maiores, xerar novos empregos ou impulsar o turismo, a cultura e o deporte a través da celebración de diferentes iniciativas. Iso é o castigo ao que se refire o señor Armesto?, manifestou Rodríguez tras afirmar o candidato do PP á alcaldía que o Saviñao fora fortemente castigado pola Deputación no reparto de axudas.
O voceiro socialista destacou que “o señor Armesto está mentindo descaradamente aos veciños do Saviñao ou non é coñecedor do traballo que está realizando o Executivo do PSOE na Deputación. Se se trata do primeiro, entón é un manipulador e deixa moi claro que non ten decencia política, pero se se trata do segundo, entón non fai o seu traballo posto que é Deputado Provincial e debería coñecer todos os investimentos que se levan ao seu Concello”.
“O candidato do PP o que debería facer é pedirlle aos seus compañeiros de partido que acheguen investimentos como facemos os socialistas, sendo os principais impulsores de iniciativas e proxectos con cartos públicos no Saviñao”. Neste eido, Celestino Rodríguez apuntou que o PSOE no Goberno da Deputación destinou 2 millóns de euros que permitiron o arranxo de estradas provinciais, mellorar accesos e alumeados no rural, atender a uns 70 maiores co SAF Básico e para non dependentes, así como coa teleasistencia gratuíta, crear máis de 20 postos de traballo no Concello ou acondicionar estradas municipais a través do Plan único, entre outras iniciativas.
“Pedímoslle máis respecto por unha institución da que el forma parte e da que ten amosado un forte compromiso por mellorar a calidade de vida dos veciños do Saviñao”, subliñou o voceiro municipal.