Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– Segundo os criterios aprobados polo PP no 2009 o centro debería ter 5 mestres de Educación Primaria. Actualmente o colexio só conta con 3 profesores polo que lle faltan 2 para cumprir o catálogo que estableceu a propia Xunta

– Os socialistas denuncian que se está agrupando alumnado pertencente a distinto ciclo, é dicir, 4º, 5º e 6º, nunha mesma unidade cando son 13 alumnos e a lei establece que teñen que ser 12 ou menos

– O PSOE rexistrou estas iniciativas tras as numerosas denuncias das familias dos alumnos despois de a supresión dun docente por parte do PP

Portomarín, 4 de marzo de 2019.- Os socialistas presentaron no Parlamento Galego unha batería de preguntas sobre a situación actual do CEIP Virxe da Luz de Portomarín. O fan tras as numerosas denuncias das familias dos alumnos deste centro lucense despois de sufrir neste curso a supresión dun docente por parte do PP na Xunta de Galicia. Esta decisión política supuxo o agrupamento de tres cursos escolares, pasando de 3 a 2 clases.

O PSOE demanda ao PP na Xunta de Galicia que aclare se están aplicando os criterios para agrupar alumnos de Educación Primaria conforme ao acordo de 2009 e de non ser así, que criterios obxectivos se están seguindo.

Segundo os criterios aprobados polo PP o colexio de Portomarín debería ter 5 mestres na etapa de Educación Primaria (2 de educación primaria, 1 de educación musical, 1 de filoloxía inglesa e 1 de educación física). Actualmente o centro só conta con 3 profesores nesta etapa polo que lle faltan 2 para cumprir o catálogo que establece a propia Xunta de Galicia.

Os socialistas denuncian que no CEIP Virxe da Luz de Portomarín estase agrupando alumnado de Educación Primaria pertencente a distinto ciclo, é dicir, 4º, 5º e 6º, nunha mesma unidade cando son 13 alumnos e a lei establece que teñen que ser 12 ou inferior. O agrupamento destes estudantes supera o máximo que recolle o acordo do 2009, polo que o centro debería contar con 3 clases de Educación Primaria e non 2.

Que che pareceu o artigo ?