fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– Actualmente hai un substituto no centro de saúde de Ribadeo que só ven algún día á semana, xerando unha lista de espera moi alta porque o facultativo non pode cubrir en 1 ou 2 días a carga de traballo que facía en 5 o médico que está de baixa

– O PSOE censura que aos nenos non se lles atende en urxencias polo que os pais téñennos que levar a especialistas particulares e pagar ditas consultas

Ribadeo, 3 de marzo de 2019.- Os socialistas de Ribadeo denuncian que levan sen pediatra 2 semanas no centro de saúde porque o Sergas non cubre a tempo completo unha baixa por enfermidade. Actualmente hai un substituto que ven algún día á semana e que non pode asumir a demanda das familias do Concello. Isto provoca que haxa unha lista de espera moi alta porque o facultativo que está non pode cubrir en 1 ou 2 días a carga de traballo que facía o médico que está de baixa en 5.

O PSOE censura que aos nenos non se lles atende en urxencias polo que os pais téñennos que levar a especialistas particulares e pagar ditas consultas. Os socialistas informaron que o pediatra do centro de saúde de Ribadeo atende a preto de 1.300 nenos de Ribadeo.

A candidata do PSOE á alcaldía de Ribadeo, Marta Rey, subliñou que “os nosos veciños non estamos recibindo a sanidade que nos merecemos, que non é outra, que un servizo público, gratuíto e de calidade. Os continuos recortes por parte do PP na Xunta de Galicia están deteriorando sustancialmente o noso servizo público sanitario e están provocando que, como neste caso, as familias de Ribadeo teñan que recorrer a clínicas privadas para que os seus fillos sexan atendidos”.

A socialista lamentou que esta situación “está a repetirse nos últimos anos e o Partido Popular non fai nada por atallar o problema. Esiximos ao Sergas que cubra de inmediato a praza de pediatría e teña máis respecto polas familias da Mariña. Se de verdade queren defender o rural que deixen de suprimir servizos públicos”.

 

Que che pareceu o artigo ?