Raquel López: “Non nos sorprende a volta do Alcalde de Chantada ao PP pois é un fiel defensor das súas políticas”
– A voceira do PSOE subliñou que “o señor Varela ten que explicarlle á cidadanía cales son os verdadeiros motivos polos cales toma esta decisión política despois de estar 10 anos fora do PP. Agardamos que non veña motivada por ningunha aspiración persoal”
– “A volta do Alcalde ao Partido Popular demostra unha cousa, que sempre estivo de acordo coas políticas da Xunta e que, polo tanto, é cómplice do continuo desprezo do goberno autonómico aos chantadinos”
– “A nosa lista representa ao conxunto da sociedade chantadina, con persoas dispostas a liderar o cambio que demandan os veciños e que, de seguro, traballarán día e noite por facer de Chantada un Concello mellor sen buscar nada a cambio. Imos loitar cada voto para que o noso proxecto se faga realidade”
Chantada, 21 de marzo de 2019.- A voceira do PSOE en Chantada, Raquel López Rodríguez, subliñou este xoves que “non nos sorprende nada que o Alcalde se volva a unir ao PP pois comparten a mesma ideoloxía e é un fiel defensor das súas políticas”. Fixo esta valoración tras facerse público que o rexedor de Chantada deixa Independentes Terra do Asma (INTA) e regresa ao Partido Popular.
Raquel López apuntou que “o señor Varela ten que explicarlle á cidadanía cales son os verdadeiros motivos polos cales toma esta decisión política despois de estar 10 anos fora do PP. Dende o PSOE agardamos que non veña motivada por ningunha aspiración persoal, pois cando tivo responsabilidades fora do Concello estivo máis pendente doutros asuntos que a dos que atinxen a Chantada, prexudicando gravemente a todos os veciños”. Neste eido, a socialista puxo de exemplo cando o Alcalde, votou en contra de reclamarlle á Deputación o canon enerxético.
“A volta do Alcalde de Chantada ao Partido Popular demostra unha cousa, que sempre estivo de acordo coas políticas da Xunta de Galicia e que, polo tanto, é cómplice do continuo desprezo do goberno autonómico aos chantadinos. Agora entendemos porqué o rexedor nunca apoiou as reivindicacións das familias e dos profesionais esixindo un atención primaria digna e de calidade en Chantada ou porqué non denunciou a falta de investimentos por parte do executivo de Feijó na nosa vila”. Sobre isto último, Raquel López fixo referencia á nula colaboración de Augas de Galicia que “practicamente nin un só euro a Chantada a pesar do recadado a costa dos veciños” e á mellora do campo de fútbol de Sangodeño que “realizou integramente a Deputación a través do Plan Único sen o apoio de Concello e Xunta”.
A voceira municipal do PSOE aproveitou para agradecer publicamente o esforzo dalgúns Concelleiros do goberno de INTA, como Manuel Diéguez e José Castor, que “no caso de que non repitan, traballaron de verdade polo Concello e por mellorar Chantada, sen pedir nada a cambio e compaxinándoo co seu traballo”.
O PSOE: un equipo forte e unido
Sobre o que pode influír este movemento na configuración de goberno na Deputación, a candidata socialista á alcaldía de Chantada destacou que “temos un equipo forte e unido que se pode extrapolar ao resto de Concellos do partido xudicial de Chantada. No noso municipio presentamos unha lista que representa ao conxunto da sociedade chantadina, con persoas dispostas a liderar o cambio que demandan os veciños e que, de seguro, traballarán día e noite por facer de Chantada un Concello mellor sen buscar nada a cambio. Dende o PSOE imos loitar cada voto para que o noso proxecto se faga realidade”.