fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

– Rosa Morán explicou que “cando chove hai numerosas goteiras e humidades debido ao deteiroro do tellado, a caldeira e o sistema de tubaxes está danado, provocando fugas e hai pouco caeu a cornixa da parte superior da fachada”

– O PSOE esixirá ao Alcalde que realice todos os traballos necesarios para solucionar as imperfeccións do edificio, onde está situada a biblioteca, o salón de actos e a cafetería

Cospeito, 6 de marzo de 2019.- O PSOE de Cospeito esixe ao Alcalde que arranxe integralmente a Casa da Cultura de Feira do Monte que se atopa nun estado moi deficiente. A voceira socialista, Rosa Morán, explicou que “chegáronnos numerosas queixas de veciños que empregan a diario as dependencias, posto que cando chove hai continuas goteiras e humidade debido á situación actual do tellado do edificio municipal que está moi deteriorado”. Na Casa da Cultura está situada a biblioteca, o salón de actos e unha cafetería.

“Cónstanos que tanto a caldeira como todo o sistema de tubaxes está sumamente danado o que provoca numerosas fugas de auga, incluso cando non está  a calefacción acendida. Recentemente caeu a cornixa da parte superior da fachada o que puido ocasionar un accidente de gravidade si lle cae a algún veciño encima” informou a voceira socialista.

Os socialistas advertiron que o actual arrendatario da cafetería presentou un escrito no Concello facendo constar as queixas polo estado das instalacións, sobre todo da cociña e o almacén, pero non recibiu ningún tipo de resposta por parte do Alcalde ou do seu equipo de goberno.

Rosa Morán denunciou que “todo isto ven ocasionado pola falta de mantemento por parte do goberno do PP en Cospeito, que nin se preocupa por atender as instalacións públicas que son competencia súa, dando unha imaxe pésima do Concello e ofrecendo aos cidadáns unhas prestacións deficientes”.

Proposta no Pleno

A voceira do PSOE informou que os socialistas esixirán ao Alcalde no próximo Pleno da corporación que realice todos os traballos necesarios para solucionar as imperfeccións que presenta o edificio da Casa da Cultura, en Feira do Monte. Tamén preguntarán pola situación do contrato da cafetería.

Que che pareceu o artigo ?