fbpx

Blog do PSdeG-PSOE Provincial de Lugo

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, a Alcaldesa de Sarria, e os candidatos socialistas ao Congreso e o Senado participaron nun encontro con veciños no que puxeron en valor as iniciativas levadas a cabo polo Goberno de Pedro Sánchez

Sarria, 15 de abril de 2019.- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, o candidato do PSOE ao Senado pola provincia de Lugo, César Mogo, e a candidata do PSOE ao Congreso pola provincia de Lugo, Ana Prieto, participaron este luns en Sarria nun encontro con veciños no que puxeron en valor as iniciativas levadas a cabo polo Goberno de Pedro Sánchez para mellorar a calidade de vida dos cidadáns.

César Mogo subliñou que “somos o único partido que defende ás persoas, demostrándoo con feitos, e por iso non lle gustamos á dereita. Por iso vétanos, porque sabe que cando goberna o Partido Socialista aos cidadáns vailles ben e, por conseguinte, aos lucenses. Co Presidente, Felipe González, os españois acadaron unha sanidade de primeira e unhas pensións dignas; con Rodríguez Zapatero acadamos novos dereitos, e con Pedro Sánchez, recuperamos os que perdemos durante 7 anos de políticas do PP”.

Ana Prieto sinalou a importancia de que a xente salga a votar, “temos que encher as urnas de socialismo, de dereitos e liberdades. É fundamental que o próximo 28 de abril teñamos unha participación moi alta para seguir na senda do avance e do progreso porque nestes 10 meses demostramos que se poden cadrar as contas e facer políticas sociais en beneficio da maioría. Temos que concentrar todo o voto no PSOE para facer fronte ás 3 dereitas”.

Medidas encamiñadas ao interese xeral e non partidista
Santos Ramos destacou algunha das medidas impulsadas polo PSOE no Goberno Central “como a subida do SMI aos 900 euros, a ampliación do permiso de paternidade ás 16 semanas ou o incremento das pensións, do que se beneficiaron máis de 4.300 veciños de Sarria, o que supón preto de 700.000 euros máis ao ano de movemento no Concello. As nosas iniciativas están encamiñadas ao interese xeral e non partidista como o PP, a atender as necesidades de todos os veciños e non duns poucos, en ganar dereitos e non perdelos. En definitiva, conquistar o futuro ou retroceder ao pasado”.

“Os veciños de Sarria necesitan un Goberno Socialista”
López Yáñez destacou que “todo o que fixeron os socialistas foi aniquilado polo PP en 7 anos. Esta situación a nivel nacional tamén a vemos reflectida na nosa vila, posto que o que conseguiu o Goberno Municipal do PSOE dende o ano 2007 ao 2011 foi conxelado polo PP e neste mandato só se dedicaron a poñer trabas para que non saíran os proxectos adiante, prexudicando aos veciños. Os sarriáns necesitan que pase, que os socialistas sigamos Gobernando o Estado, para que continúe o impulso o Polígono de Morelle, para que se dote dunha pasarela á estación de tren ou para que se supriman 14 pasos a nivel, entre outras moitas actuacións”.

Que che pareceu o artigo ?