“O PP demostra que esta é a lexislatura do rural desmantelando os servizos públicos aos veciños que viven nel”
Monterroso, 16 de abril de 2019.- O Deputado socialista pola provincia de Lugo no Parlamento Galego, Luis Álvarez, valorou este martes as manifestacións de Feijóo sobre o rural e lamentou que “o PP minte descaradamente pois non vemos unha soa medida para potenciar o noso rural. Seguimos vendo como o PP no goberno galego continua a desmantelar todos os servizos do rural, como a educación, a sanidade ou os servizos sociais, que lamentablemente están absolutamente abandonados. Os seus feitos contradín permanentemente as súas declaracións. En Galicia o PP xa non engana a ninguén, por moito que repitan unha mensaxe ata a saciedade. Aburridos estamos de que digan que esta é a lexislatura do rural, pero máis aburridos estamos de que o único que fagan é acabar co medio rural e cos veciños que viven nel”.
Encontro de socialistas con veciños de Monterroso
Luis Álvarez fixo estas declaracións nun encontro dos socialistas con veciños de Monterroso, no que participaron o candidato ao Congreso, Daniel Castro, o candidato do PSOE á alcaldía de Monterroso, Rafael García, e compañeiros da agrupación municipal. Durante a reunión os socialistas repartiron información sobre o programa electoral que ofrece o Partido Socialista aos lucenses para as eleccións xerais.
Daniel Castro destacou que “fronte ao inmobilismo do PP no rural, nós si cremos no rural. Fronte ao gran reto demográfico dende o PSOE queremos facer unha política próxima á mocidade para que a xente nova na provincia de Lugo non teña que fuxir do rural porque non ten oportunidades”.
O candidato do PSOE á alcaldía puxo en valor as medidas levadas a cabo polo Goberno de Pedro Sánchez para “sacar ao país da parálise e o desgoberno e subliñou que o traballo levado a cabo nestes 10 meses no Executivo do Estado “é un exemplo do que imos a facer os socialistas en Monterroso”.