O PSOE de Monterroso reclama ao Goberno Central a mellora dos accesos viarios da N-640 a catro núcleos
– O candidato socialista á alcaldía do municipio remitiu ao Executivo do Estado esta petición, axuntando as sinaturas dos veciños en apoio a esta demanda
– Rafael García explicou que a mellora deste treito, que está a pé do Camiño Francés e é o principal acceso aos 2 albergues da zona e a varios negocios de hostalería, é unha vella demanda dos 200 veciños da zona
– “Logo de 7 anos co PP no Goberno Central nos que non nos tiveron en conta, agardamos que o PSOE no Executivo do Estado nos ofreza unha solución”
Monterroso, 2 de marzo de 2019.- O PSOE de Monterroso reclama ao Goberno Central a mellora dos accesos viarios dende Salgueiros de Abaixo, A Previsa, Os Lameiros e Ligonde á N-640 dirección Lugo. Así o trasladou este martes o candidato socialista á alcaldía de Monterroso, Rafael García, logo de avanzárllelo persoalmente aos veciños destes núcleos nun encontro que mantivo cos mesmos e no que tamén participaron outros compañeiros da agrupación socialista neste municipio e o Secretario Provincial, Álvaro Santos Ramos.
Rafael García explicou que se trata dun treito no que o asfalto está moi deteriorado, con fochancas e despintado. “A mellora destes accesos é unha vella demanda dos case 200 veciños que viven nestes 4 núcleos rurais de Monterroso e que nunca foi atendida durante os 7 anos nos que o PP estivo no Goberno do Estado. Pola zona de Ligonde, pasa un treito do Camiño Francés. Este treito ten moito tráfico rodado porque é o acceso viario principal aos 2 albergues da zona e a varios negocios de hostalería”
“Agardamos que co PSOE no Goberno Central as demandas dos veciños de Monterroso por fin se teñan en conta e se fagan os traballos necesarios para solucionar este problema”, apuntou o candidato do PSOE á alcaldía de Monterroso.
Rafael García avanzou que xa trasladaron esta petición ao Executivo do Estado, axuntando todas as sinaturas dos veciños destes núcleos que recolleron en apoio a esta petición.