O PSOE denuncia que o Alcalde de Becerreá non quere debater sobre os gastos de locomoción das traballadoras do SAF e a reforma dos vestiarios para as deportistas
– O Alcalde non incluíu varias propostas do PSOE no Pleno xustificando que “xa ían moitos puntos do día”. Ana Rubinos lamentou que “Martínez non teña a sensibilidade necesaria para tratar iniciativas que repercuten na mellora da calidade de vida das mulleres en Becerreá, en concreto das traballadoras do SAF e das deportistas”
– Os socialistas esixían o pago dos gastos de desprazamento das auxiliares e a reforma dos vestiarios do campo de fútbol pois as rapazas non teñen un propio para cambiarse
– “Este goberno non está comprometido coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, que era o único que pedíamos. Algo que cremos de xustiza e prioritario”
– O Pleno municipal aprobou por unanimidade a única iniciativa dos socialistas que deixou debater o Alcalde, na que se esixe á Xunta de Galicia a dotación dun pediatra, de luns a venres, para o centro de saúde e PAC becerrense
Becerreá, 1 de abril de 2019.- Os socialistas de Becerreá denuncian que o Alcalde non incluíu varias propostas do PSOE no Pleno municipal xustificando que “xa ían moitos puntos do día”. A voceira, Ana Rubinos, lamentou que “o señor Martínez non teña a sensibilidade necesaria para debater iniciativas que repercuten na mellora da calidade de vida das mulleres en Becerreá, en concreto das traballadoras do SAF e das deportistas”.
“O rexedor deberá explicar aos veciños cales son os motivos polos que decidiu non incorporar estas 2 mocións, que rexistramos en tempo e forma, e non poñer escusas de mal pagador. Parece que non está comprometido cun tema tan serio como a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, que era o único que pedíamos nestas dúas iniciativas. Algo que cremos de xustiza e moi importante pero que para o equipo de goberno non parece prioritario”, censurou Rubinos.
O PSOE levaba unha proposta esixindo a aplicación inmediata, a efectos de gastos de locomoción, do convenio colectivo para a actividade de axuda a domicilio de Galicia posto que as profesionais pagan arredor de 200 euros das súas nóminas en gastos de desprazamento. Na outra, se solicitaba unha reforma nos vestiarios do campo de fútbol porque actualmente as rapazas non teñen un propio para poder cambiarse.
Aprobada a moción do PSOE esixindo un pediatra
O Pleno municipal aprobou por unanimidade a única iniciativa dos socialistas que deixou debater o Alcalde de Becerreá, na que se esixe á Xunta de Galicia a dotación dun pediatra, de luns a venres, para o centro de saúde e PAC becerrense. Actualmente o ambulatorio conta cun médico de familia habilitado para pediatría que non ten a especialidade. Este facultativo é o encargado de atender aos preto de 400 nenos de Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e As Nogais.