O PSOE denuncia que o centro de saúde de Antas de Ulla leva 3 días sen calefacción porque o Alcalde non achega o combustible
– A voceira municipal socialista censurou que “ é inadmisible que o noso centro médico, nun concello pequeno, do rural, cunha poboación envellecida, non teña as condicións mínimas para que os veciños sexan atendidos dignamente”
– García Porto advertiu que “o edificio está nun estado deficiente debido á falta de mantemento por parte do Concello, titular do ambulatorio. Os baños están en malas condicións, non conta con ascensor e hai carencia de aparcadoiros
Antas de Ulla, 9 de abril 2019.- O PSOE de Antas de Ulla denuncia que o centro de saúde do municipio leva 3 días sen calefacción porque o Alcalde non achega o combustible para a caldeira de gas. A voceira municipal socialista, Pilar García Porto, explicou que “chegáronnos moitas queixas de veciños alertando deste problema. É inadmisible que o noso centro médico, nun concello pequeno, do rural, cunha poboación envellecida, non teña as condicións mínimas para que os nosos maiores sexan atendidos dignamente”.
“Por desgraza, esta situación é unha mostra máis da desidia e do abandono na prestación de servizos públicos por parte do goberno do PP en Antas de Ulla. A incompetencia e incapacidade de xestión do señor Varela está provocando un grave prexuízo aos nosos veciños, e iso non o imos permitir. Dende o PSOE agardamos que se tomen as medidas necesarias para solucionar o problema de inmediato e se depuren responsabilidades”, subliñou García Porto.
A voceira municipal socialista advertiu que “o centro de saúde en Antas de Ulla atópase nun estado moi deficiente debido a falta de mantemento por parte do Concello, que é o titular do ambulatorio. Os baños están en moi mal estado, o edificio non conta con ascensor para subir á segunda planta e existe unha gran carencia de aparcadoiros. O Alcalde podería pedirlle aos seus compañeiros do PP na Xunta de Galicia que destinen novos investimentos para mellorar as instalacións e, deste xeito, o servizo de atención primaria, pero nin iso fai polos seus veciños”.