O PSOE esixe ao Concello que dote a Sober dun servizo que atenda as necesidades dos maiores non dependentes
– O Pleno municipal aprobou por unanimidade unha iniciativa socialista para que o Concello estude implementar un servizo de atención no municipio
– Sober ten unha residencia para persoas que precisan asistencia as 24 horas do día, pero non hai ningún servizo para non dependentes. “É necesario un servizo que se axuste á realidade dos nosos maiores, facendo posible o desenvolvemento dunha vida independente, activa, saudable e na súa contorna”
Sober, 3 de abril de 2019.- Os socialistas esixen ao Concello que dote a Sober dun servizo que atenda as necesidades dos maiores non dependentes. O Pleno da corporación municipal aprobou por unanimidade unha iniciativa do PSOE para que o Concello estude a posibilidade de implementar unha prestación que cubra as carencias reais de atención no municipio.
O Voceiro socialista, Eladio Fernández, explicou que en Sober “contamos cunha residencia que está centrada en persoas que precisan dunha atención asistencial ás 24 horas do día, pero non temos ningún servizo para persoas non dependentes. É necesario un servizo que se axuste á realidade deles e facendo posible o desenvolvemento dunha vida máis independente, activa e saudable, preto dos seus fogares. Con esta nova prestación evitaríamos que veciños de Sober teñan que ir a Concellos limítrofes para que sexan atendidos ao tempo que xeraríanse novos empregos cos profesionais sanitarios”.
Eladio Fernández subliñou que “habería que valorar o modelo de asistencia segundo a demanda, se é máis necesario un centro de día, pisos tutelados, unha casa do maior…, pero os nosos maiores teñen dereito a que sexan atendidos tendo en conta as súas condicións físicas e mentais. O que non podemos facer é obrigalos a ir a unha residencia porque non hai outra alternativa porque iso prexudica gravemente a súa calidade de vida”.