Os socialistas cumpren cos veciños coa licitación do proxecto de construción da Intermodal con 1,1 millóns
Lugo, 17 de abril de 2019- O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, puxo en valor este mércores o “compromiso real” do Goberno Central coa provincia de Lugo, pois ADIF ven de licitar a redacción do proxecto para a construción da estación Intermodal de Lugo, que conta cun orzamento de 1,1 millón de euros. Santos Ramos destacou que “unha vez máis os socialistas cumprimos a nosa palabra cos veciños de Lugo avanzando neste proxecto que tanto a cidade como a provincia necesita”.
O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo lembrou que este “proxecto foi paralizado polo Partido Popular, que non quere unha Estación Intermodal en Lugo pois tiveron tempo para avanzar neste proxecto e o único que fixeron foi paralizalo. Unha vez máis, somos os socialistas os que traballamos por conseguir novos servizos e infraestruturas públicas para os nosos veciños”.
Neste senso lembrou que os socialistas cumpren cos veciños sempre que gobernan xa que foi o Presidente Zapatero e o Ministro de Fomento Pepe Blanco quen deixaron contratado o proxecto, cancelado polo PP nos anos que Gobernou. “Agora, que Goberna de novo o Partido Socialista vólvense a retomar proxectos tan importantes como é o da chegada da Alta Velocidade á provincia”, destacou.