400 veciños arrouparon ao PSOE de Monterroso que expuxo as dúas alternativas para o 26 de maio: “avanzar cara adiante e mirar ao futuro ou retroceder catro anos máis”
Monterroso, 17 de maio de 2019.- O candidato do PSOE á alcaldía de Monterroso, Rafael García, subliñou que “os monterrosinos teñen dúas opcións o próximo 26 de maio: avanzar cara adiante e mirar ao futuro ou permanecer no bloqueo e retroceder outros catros anos”. Díxoo no mitin celebrado este venres no municipio e no que tamén participaron o Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos, e o Eurodeputado no Parlamento Europeo, José Blanco.
Rafael García sinalou que nestas eleccións “os veciños contan coa maior oferta de candidaturas na historia do Concello, 5 en total, pero en realidade o que está en xogo son dous modelos: o futuro e o pasado. O futuro só virá da man do Partido Socialista porque así o demostramos alá onde gobernamos. O facemos dende o Executivo da Deputación e agora dende o Estado. Os únicos investimentos que recibimos en Monterroso neste mandato proviñeron sempre da Deputación. Foron en total 1,7 millóns de euros os que achegaron os nosos compañeiros no organismo provincial porque somos o partido que de verdade pensa en atender as necesidades que temos. Con este orzamento púidose prestar atención profesional a ducias de maiores, xerar máis de 30 novos postos de traballo, mellorar as infraestruturas públicas ou promocionar o deporte e a cultura no Concello. E dende o Goberno Central en só 11 meses aprobamos medidas que repercuten diariamente nos veciños, como o aumento das pensións beneficiando a máis de 1.300 maiores, subindo o salario mínimo interprofesional, recuperando o dereito a paro para os maiores de 52 anos ou atendendo unha vella demanda coa mellora dos accesos da N-640 a catros núcleos de Monterroso”.
“En cambio o resto de forzas non ofrecen nada novo nin melloras para Monterroso. O PP evidenciou nestes 4 anos que os veciños non lle importamos nada, pois o único que fixo foi actuar no Polígono Industrial, pasando de ter 2 acesos a só 1, prexudicando gravemente ás empresas instaladas. Esa é a súa aportación ao Concello. E as outras forzas son partidos que aínda que se presenten cun nome novo, son as mesmas persoas e o mesmo proxecto que nos levou a parálise e a nefasta xestión neste mandato; ou son independentes que teñen como único obxectivo o seu interese persoal”.
“Por iso é necesario que o vindeiro 26 de maio os veciños escollan o proxecto do progreso, que garante investimentos e melloras sociais, representado no PSOE. Porque imos dar un paso ao fronte para cambiar a realidade de Monterroso e devolver o valor da nosa vila”, destacou García.